Opinión

Jet lag

Cada vez que cruzo o Atlántico –que se non me enganan as contas entre ida e volta, son unhas vinte ou vinte e catro veces, sempre número par porque estou desta banda deste mediterráneo cultural que chamamos Atlántico- sempre, digo, hai alguén que me pregunta como se leva a diferencia horaria, o jet lag e esas cousas. E habitualmente veño contestando o mesmo: para min que todo é conto. Novas cousas con que preocupar á xente. Como o síndrome postvacacional, como os problemas de alteracións de sono polo cambio de hora. Como tantas outras cousas nesta tendencia en pro da consideración manteigosa e débil do ser humano. Claro que todos o primeiro día de traballo despois das vacacións dicimos “que ben se estaba sen traballar!”, pero moitas veces dicímolo coa boca pequena porque estamos bastante fartos do trafego da area e das toallas e porque gozamos co reencontro da normalidade e da hora do café cos compañeiros do traballo. Claro que todos nos decatamos tamén de que os días -no sentido de horas de luz- son máis longos ou curtos de golpe cando cambian a hora e, normalmente, nos alegra na primavera e nos amola no outono. Pero nada máis. 

En fin, que se un fixese unha vida cronometrada por un reloxo suízo durante ducias de anos e non tivese endexamais ningunha preocupación que lle tirase o sono, nin asistise a ningunha festa trasnoitadora pública tipo Entroido, ou privada que lle restase horas ao seu repouso nocturno, nin pasase por ningunha circunstancia, anímica, laboral ou de acompañamento de enfermos, vellos, nenos que lle obrigase a permanecer en vela durante unhas horas, entón si. Entón si un podería chegar a considerar algo especial que unha viaxe lle regale primeiro e lle reste despois, cinco horas de sono. Pero neste país de trasnoitadores, de empatadas, de insomnios, de teletendas, neste Ourense no que as rúas dos viños “ferven” ata altas horas, que digo, ata primeiras horas da mañá todas as fins de semana, non parecen eses pequenos saltos no tempo, un problema especial que non se solucione do mesmo xeito que as outras vixilias máis habituais.

Creo existe unha tendencia hoxe pola que primeiro inventamos conceptos, definímolos como problemas, logo adornámolos con precisión terminolóxica -hai quen lle chama ao jet lag “disritmia circadiana”, que medo- e logo teorizámolos con dramatismo para así chegar a adquirir aparencia de realidade nas persoas máis crédulas e permeables. E esta credibilidade patolóxica vale tanto para o mundo dos obxectos -crer na utilidade do coitelo eléctrico para cortar o pan, por exemplo, ou na imprescindibilidade do smartphone de última xeración para acadar a felicidade- como no das construcións intelectuais aplicadas aos comportamentos. 

Si. As novas ciencias de reflexión sobre o comportamento humano, por novas, máis abertas están a estas construcións ideais innovadoras que, ás veces, levan incluso a unha medicalización de comportamentos excesiva. Todos sabemos manexarnos con palabras e conceptos tradicionais como inquedo, distraído, ido, vago, nugallán, maleducado, malcriado, apoucado, crido, amouchado, desacougado e de repente aparécennos neoloxismos para a nova relixión dogmática do comportamento, como hiperactividade, déficit de atención, síndrome depresivo, crise de ansiedade... que non sei se non serán o mesmo que as dores de cabeza e as cefaleas.

En fin, creo que en vez de falar do tema e tomar somníferos ou hipnóticos para superar os desaxustes do jet lag, é moito máis real dicir que como andamos un pouco derreados pola viaxe á hora de comer imos tomar un par de vasos de mencía e logo botar unha sesta. A min, desde logo, vaime ben.

Te puede interesar