Opinión

As liberdades franquistas

O título é pura provocación para captar a súa ollada crítica, claro. As palabras liberdade e Franco son como o aceite e a auga. E o ferrolán ese de voz de pito, un tipo nada recomendable: para arranxar os problemas había na II República só se lle ocorreu asasinala con sadismo. En fin. Mellor esquecer aquel tipo e aquel pasado feo e escuro.

Pero hai moitas cousas que non teñen que ver só co réxime político senón co momento histórico. Os embalses construíronse en todo o mundo ao tempo, e nunca antes houbo o nivel de liberdades persoais que hai na actualidade no mundo. Sen ir máis alá, moitos pensan que, por exemplo, a represión da homosexualidade era cousa do franquismo. E se viron “Enigma” lembrarán como Alan Turing tivo os problemas que tivo na Inglaterra dos anos cincuenta. E o autoritarismo nas escolas e reformatorios, que podemos ver n’ “Os chicos do Coro” non era exclusivo de Francia. E outras películas fálannos da violencia policial en Inglaterra dos sesenta e setenta ou os problemas do control dos orfanatos en Irlanda. En fin, o diferencial de España nos anos cincuenta a setenta, era, sobre todo, a falla absoluta de liberdades políticas, a ditadura, e o subdesenvolvemento económico. Que non é pouca cousa. Pero moitas películas neorrealistas italianas poderían, en boa medida, ser trasladadas a contexto hispano, sen problemas.

E había moitísimas menos regras daquela. Por exemplo. Un fumaba onde lle petaba. Un bebía o que quería e se conducía con xeito, non había delito. Un podía ir ao andén do ferrocarril e subir ao tren a despedir a alguén. As leiteiras traían o leite a casa, sen complicacións sanitarias. Unha nai podía darlle un azoute a un neno enrabexado e un profesor a un alumno molestón. Non había nin declaracións da renda. Tampouco había grandes servicios, é certo.  Por non haber, nin había semáforos en Ourense. En fin, moitísimas menos regras administrativas. 

E estes meses aí atrás cando estiven en Chile, decateime do nivel de liberdades persoais ligadas ao subdesenvolvemento. Por exemplo, a liberdade radical de buscarse a vida. Non é que a xente vendese alí “empanadas” -empanadillas, diriamos nós- pola rúa, é que vendían cachos de tarta ou o que fose. Incluso vin algunha señora levando nun carriño do súper unha bombona de butano e un forno para facer as empanadas nunha esquina da rúa e vendelas quentiñas. Imaxinan a de permisos que farían falta? Manipulador de alimentos. Imposto municipal. Permiso de industria. Alta de autónomo. Inspección de tal e de cal. Ou sexa, imposible. (Un día un home contoume no lío administrativo e de papeis que se metera porque comprara seis ovellas para que lle comesen a herba na súa finca, xa lles contarei).

En fin, con Franco, por suposto, non había liberdades políticas. Pero o nivel de complicación das cousas naquela época, en moitas cousas, era menor. Lembro, por exemplo, como as mestras podían buscar unha substituta pagándolle elas o soldo, coa aceptación do Inspector. Ou cando me mandaban a min a cobrar ao “habilitado” que había na rúa do Paseo, sen autorizacións escritas nin farrapos de gaita. Por suposto, ninguén con xuízo, ten saudades daqueles tempos grises e de escaseza. Pero ás veces, fártase un de tantas normas, controis, regulamentos, papeis do mundo moderno. Incluso aqueles que, seica, son polo noso ben.

Te puede interesar