Opinión

Liberdades obsoletas

Gozamos nesta altura da historia e neste país onde nos cadrou nacer do maior réxime de liberdades da historia da humanidade. Colectivos outrora inxustamente invisibilizados ou marxinados, viven hoxe á naturalidade do común. A actuación do estado social e de dereito no que vivimos sitúanos a todos como gozadores da sanidade e educación públicas no medio dunha sociedade cunha taxas de criminalidade das máis baixas de Europa que, como sabemos, é a área máis pacífica do mundo mundial. Obviamente hai problemas pero vistos no conxunto mundial avolto e con guerras caladas e ruidosas, serían “problemiñas”.

Aínda así, ás veces, un lembra as liberdades perdidas neste afán de extremar as regulacións dos comportamentos persoais, aínda que sexa con intención exitosa de protexer aos cidadáns.
Por exemplo, lembro a liberdade de fume. Cando se podía fumar en calquera sitio. Incluso nos hospitais ou nos colexios; médicos, profesores e tamén alumnos universitarios ou xa de COU. Os exames de Eiras Roel, de catro horas, con máis de cen persoas nunha aula, sen aire acondicionado, eran auténticas cámaras de gas. Lembro a miña primeira viaxe a Bos Aires en 1987. 12 horas no avión. 550 persoas. A unha media de, digamos, dous pitillos por hora de fumador nervioso, contado que fumaran só a metade, pois 225 x 12 x 2= 5.400 cigarros fumados naquel canuto voador. E sen abrir as ventaniñas. Mi madriña. Bendito aire acondicionado que ía filtrando.

E a liberdade de alcohol. Cando non existían os alcoholímetros e Garda Civil só paraba aos que ían facendo barrabasadas, eses pola estrada dun banda a outra, e a xente bebía e fumaba e conducía con naturalidade. Pero as cifran cantan. En 1989, por exemplo, houbo 5.940 mortos nas estrada españolas, cuns 16,5 millóns de vehículos, e en 2015 houbo só 1.131, con 30 millóns de coches. Grazas á crise había menos movemento e isto tamén contribuíu á baixa. Agora, traxicamente, a pequena suba no 2016 (29 mortos máis) e a previsible deste ano, fala da “recuperación” dese movemento, desa maior actividade económica e desprazamentos de ocio.
E a liberdade de aparcamento. Ben difícil foi entender no primeiro momento o deber de pagar por estacionar na rúa de todos. E a liberdade de tránsito e circulación, sen bolardos nin zonas peonís. Todo por e para o coche.

Ou cando a liberdade de expresión era sen os filtros do politicamente correcto e se cantaba nas festas “Ayatola no me toques la pirola” ou “Ellos las prefieren gordas” ou se dicía o que se dicía sen pensar nas flexións de xénero e número que tiña que facer un para quedar ben. Ou a liberalidade de pelexas. Cando unha estúpida pelexa de rapaces no colexio era só iso, unha estúpida pelexa de rapaces no colexio, sen necesidade de retransmitila nos telexornais, nin involucrar aos país. E a liberdade de xogos. Cando os partidos de fútbol dos nenos xogábanos os nenos sen que os país soubesen nada, porque nin caso lle facían. E a liberdade de azoute corrector a un neno cando se puña caprichoso, sen medo ao teléfono do menor ou ao xulgado.
Parécenme ben a maioría destas regulacións. Menos unha. Non me gusta que desaparece a liberdade de recibir ou despedir as fillas a pé do tren. Pero unhas con outras, gañamos ben.

Te puede interesar