Opinión

Lotería con recargo

Averdade é que eu nisto da lotería non lles creo moito. Unha cuestión de matemáticas, simplemente. A ver, dígame vostede un número do 1 ao 100.000. Se o acerta á primeira, faise rico. As posibilidades son as que son. Ou sexa, unha de cen mil. Se dicir un número -trinta e sete mil oitocentos trece, por exemplo- e respirar lle leva cinco segundos, só diría, sen parar, 640 por hora, pois como sabemos desde pequenos, unha hora ten 3.200 segundos. O resto é facer unha divisionciña. Ou sexa que para acertar seguro, tería que dicir números durante case sete días, vinte e catro horas cada día. Agora imaxine que cada vez que di un número, ten que poñer vinte euros, un décimo, por riba da mesa. En fin, que o xogo este da lotería non ten nada que ver coa racionalidade senón máis ben coa maxia e con outras cousas raras do pensamento. Sen ir máis alá, eu, con todo isto que lles digo do escepticismo loteiro, acabo comprando sempre algo de lotería polo Nadal. E fágoo por dúas razóns. A primeira, seguramente por mala xente, por envexoso, polo pánico a que lles toque aos meus compañeiros de traballo e a min non. A cara de parvo que se me poría despois de estar predicando esta imposibilidade matemática estaría tinguida de verde lagarto pola envexa. Compraría orellas de burro e non as sacaría mentres vivise. Así pois, a pesar da lóxica matemática, non presumo de coherente, e algo compro. 

Iso que moitas veces teño pensado que só me gustan as participacións que levan recargo. A segunda razón. Si. Entendeu ben. Gústame a lotería con recargo. Desta vez, por unha razón oposta á anterior, digamos que por ser boa xente, que algo me debe quedar. Gústame non pola posibilidade de facerme rico -xa o son: teño unha boa familia, unha boa saúde e un bo traballo- gústame, digo, pola posibilidade de pagar o recargo e que alguén, máis alá desa entelequia que é o Estado, gañe. Si. De eu lle comprar unhas participacións a uns rapaces para unha excursión, a un equipo de fútbol modesto, á Asociación do Cancro ou á Cruz Vermella, ou a quen sexa, sei, seguro, positivamente, que alguén de carne e óso, alguén de verdade, gaña. Pouco e moi traballado, pero algo é algo. Ademais é así como se debe gañar: con esforzo. E incluso teño pensado máis dunha vez en facer un trato cos que me ofrezan lotería con recargo. Dicirlles, por exemplo: “Disme que pago cinco e xogo catro. Ou sexa para darche a gañar catro euros para a túa causa que me resulta simpática, debo gastar vinte. Pois mellor, trato directo: douche cinco euros e non quero lotería ningunha. A ti tanto che ten, inda gañas un euro máis, e eu aforro quince”. Como ven a lóxica é esmagadora. 

Pero o mundo, nós, como lles dicía antes, non somos lóxicos nin racionais, así que que queren que lles diga, sempre lle queda a un unha areixa de esperanza, a idea dun soño, de que nós non toleariamos cos cartos e saberíamos ben que facer... Pero seguramente o destino nunca nos porá a proba.... En fin, a ilusión, contra a lóxica, non pode morrer. Así que xogue moderadamente, e a ser posible, con recargo. Polo menos halle quedar a satisfacción de que alguén próximo gañou algo.

Te puede interesar