Opinión

Maduro ou podre?

Pois nunca me cadrou ir a Venezuela, a pequena Venecia -Venezziola, tal como seica lle chamou Américo Vespucio en 1499 cando viu na entrada marítima do lago Maracaibo tribos indíxenas que vivían en palafitos construídos sobre a auga, tal que na lagoa italiana-. Nunca fun a Venezuela, digo, pero teño por alí, coma case todos, parte da familia. Chegaron na época de Pérez Jiménez e botaron raíces. Algúns volveron, outros non. Moitos seguen vivos neles ou na semente esparexida. Outros foron morrendo. Pero para min, sempre Venezuela foi algo presente e próximo, mastigada constantemente na boca do meu avó que tiña moitos queridos sobriños alá. Como dicía o outro día en Santiago, creo que Escotet, se Arxentina é a quinta provincia de Galicia, sen dúbida Venezuela é a sexta. Por iso, nada do de Venezuela nos pode ser alleo. Máxime cando a salvación do sistema bancario galego tivo que ver coa intervención dun hispano-venezolano como o citado a quen Galicia sempre lle soara algo próximo.

Ben. Dóeme Caracas. Dóeme a dificultade inmensa de desfacerse do paternalismo e consideralos iguais en deberes e dereitos. O que non vale para min, non vale para eles. Penso cando os señoritos parisinos do 68, desde as minúsculas mesas das terrazas do Barrio Latino, ou desde o chocolate, calefacción e néboa tabáquica intelectual do interior, encirraban aos máis atolados a ir pegar tiros á revolución boliviana ou calquera outro sitio onde o Gran Irmán soviético quixese estender. E despois, para xustificarse, ían cantar cancións revolucionarias ao Olimpia ou a facer debates interminables á Universidade. 

Voulles simplificar ao máximo -sempre un risco, debuxar retratos con rotuladores gordos- e lembrar un pouco desa historia recente. Entre 1999 e 2013 mandou no país Hugo Chávez. Moitos o apoiaron fronte a unha corrupción sistémica de décadas, pero, realmente, acabou a corrupción controlando o sistema todo, só que con novas caras, isto si, populistas. Morreu no posto e sinalou a Maduro como herdeiro. Unha parte do pobo, engaiolado coa lembranza, escoita o eco do máis alá e escolle a Maduro en 2013 cun 50,61 fronte a Capriles, cun 49,12. Logo a corrupción e o desgoberno avanzan, os índices de criminalidade dispáranse, a rapina sistemática sobre os bens públicos medra, e en 2015 son detidos fóra do país sobriños de Maduro -poñan “narcosobrinos” en Google e verán- e en decembro de 2015 a oposición gaña as eleccións lexislativas con máis de 3/5 os partidarios da oposición. E que fai o presidente Maduro? Ignorar ao Parlamento e resistir sen facer caso da vontade popular. Así, non lle interesa sequera a convivencia co novo parlamento e abre “manu militari” un proceso constituínte, no que sen contar co apoio do lexislativo, nin consultar en referendo tal posibilidade ao pobo, tenta elaborar unha nova constitución sen participación da oposición.

 Este retorcer as leis ata o punto de obviar as consultas que sabe non lle serán propicias, non presaxia nada bo. A demagoxia e o caudillismo sempre foron mala cousa, aquí e alá. Chámese Maduro ou Franco, Fidel ou Pinochet, ou como queiran. Que topen unha saída. Que volva polos seus foros. Longa vida e ampla liberdade para a nosa sexta provincia.

Te puede interesar