Opinión

Máis de Castelao e Ourense

Ben. Moi ben. O cadro símbolo “A derradeira leición do mestre” de Castelao está en Ourense, o único lugar de Galicia, á parte da capital, onde se poderá ver, grazas ás boas xestións dos xestores do tema e á xenerosidade do Centro Galicia de Buenos Aires. Despois, loxicamente, volverá á cidade porteña onde é, tamén, o máximo símbolo da galeguidade remanente naquelas terras da resistente Galicia extra-territorial. Como saben, veu a Ourense porque fora pintado para o Centro Ourensán como agradecemento ás atencións que este tivera con Castelao.

E agora, máis. Voulles dar outra idea, fácil, barata, útil, para a que non dubido que as autoridades do Centro Galicia, propietario do cadro, darían o seu placet. Pidámoslle permiso e fagamos unha exacta copia fotográfica (xa saben, como se fose un facsímile “case orixinal”, idéntico tamaño, idénticas cores, etc.) e colguémola de forma permanente, por exemplo, na entrada do Centro Marcos Valcárcel xunto cunha cartela explicando a historia do cadro. Así, o símbolo “A derradeira lección do mestre” estaría tamén entre nós, ensalzando tanto a relación de Ourense con Castelao, como con América. E que Ourense foi sempre moi importante para o de Rianxo.

Cóntolles. A primeira exposición individual que fixo Castelao na súa vida, caricaturas, inaugurouse en Ourense o 15 de febreiro de 1912. Viñera á nosa cidade co coro Aires d’a Terra de Pontevedra a unha actuación no Principal, na que á parte das cousas de canto e baile, nun momento Castelao facía caricaturas en directo dalgunha persoa do público. O caso é que cando marchou o coro, el recuncou uns días en Ourense cos amigos que fixera o ano anterior ao redor da revista ourensá “Mi Tierra”, na que entrou en contacto, por exemplo, con Vicente Risco e Antonio Rey Soto. Precisamente, a este último fíxolle uns debuxos para o seu libro “Nido de áspides” publicado nese 1911. O caso é que, cando casa Castelao con Virxinia, que será na Estrada o día 12 de outubro de 1912, vai celebrar a voda o crego amigo, nado na rúa da Paz, Antonio Rey Soto. 

Tamén o feito de que Antón Losada Dieguez, introdutor do grupo de intelectuais ourensáns no galeguismo, se trasladase do Instituto de Ourense ao de Pontevedra en 1919 e alí fose compañeiro seu, non é alleo a esta relación intensificada desde a fundación da Revista Nós (primeiro número, 30 outubro 2020) cos de Ourense. Castelao, acompaña ao grupo Nós encargándose da parte do deseño gráfico da revista. Aos poucos día do seu lanzamento, inaugurará no local das Irmandades, nun edificio desaparecido para a construción do de Olmedo -logo almacéns Alfredo Romero-, unha exposición sobre o Álbum Nós, que só se mostrara antes en Coruña e Madrid.

En fin, Victoria Carballo Calero escribiu en 1985 un libro, “Os Castelao de Ourense”, e Ángeles Fernández coñece coma ninguén as coleccións de arte privadas da cidade hoxe. Imaxino da súa colaboración, unha pequena exposición temporal, coincidindo coa inauguración da copia de “A derradeira leición do mestre”, que se podería titular “A obra pictórica de Castelao en Ourense: historia dunha relación”. E ben podería ser o día 30 de outubro deste ano, 99 aniversario da Revista Nós. Se hai vontade, hai tempo. 

Te puede interesar