Opinión

Máis sobre o centro galego de Buenos Aires, etc.

A desaparición do Centro Galego de Buenos Aires é un tema, como poden supor, que sobrepasa o que se poida dicir nun artigo. Na entrega pasada sucintamente, reductoramente, con todo o engano por omisión que se produce nas síntese excesivas, procurei contarlles como se ergueran as sociedades de recreo e as de acción mutual na Arxentina. Agora quero insistir nalgunhas cuestións.

Efectivamente o Centro Galego era, sobre todo, unha mutua asistencia e un hospital. Pero tamén tiña un compoñente socio-político importantísimo. Era, dalgún xeito, o punto de encontro independente (que non indiferente) de toda a colectividade para as cuestións xerais, nomeadamente culturais. Así, un podía ser da esquerda -da Federación de Sociedades Galegas, digamos-, independentista -da Fouce dos anos vinte-, galeguista -como os do Centro Orensano-, máis conservador -como os do Centro Lucense-, pero todos se encontraban no Centro Galego e nas súas actividades. O centro foi o promotor das Xornadas Patrióticas Galegas que, de feito, inaugurou Ramón Otero Pedrayo en 1947 coa súa visita a aquelas terras convidado polo Centro Galego e que ecoaron décadas. Para organizaren estas xornadas -que se celebraban todos os anos ao redor do día 25 de xullo- constituiuse unha comisión na que estaban as principais entidades, convidaban a un persoeiro da cultura galega que alá ía vinte ou trinta días e impartía charlas en foros de galegos e arxentinos de todo o país e facían, nos mellores tempos, un grande acto no Teatro Colón. Foron moitos dos grandes da cultura galega do tempo: Alvaro Cunqueiro, Paco del Riego, Paz Andrade, Carlos Casares... 

Para a xestión do tema cultural, creouse en 1969, un Instituto Arxentino de Cultura Galega como ente autónomo dentro do Centro Galego, que levaba tanto o Teatro Castelao -un edificio anexo no propio centro que daba á rúa Moreno- como a Biblioteca histórica, o arquivo, unha pequena librería galega, promovía actividades, e coidaba dos restos editoriais do centro, das súas edicións Galicia, que publicaron máis de medio cento de libros. Outra cousa que facía era organizaren premios de literatura ou ensaio ou festas culturais ao redor de persoeiros ou datas. 

No despacho de dirección do IACG colgaba o grande cadro de Castelao “Os meus compañeiros”, no que se ven un par de cegos autoutiñantes. A biblioteca, modelo antigo, na planta baixa, xusto ao lado da entrada, era lugar de confluencia de varios públicos: lectores de xornais, investigadores, afeccionados á literatura, e sobre todo, punto de encontro de todo o que no fose sanidade no centro. Lembro o namoradizo Rodríguez, último dos grandes bibliotecarios, que coñecía a localización de cada libro naquel maremagnum de publicacións históricas e que estaba un tanto abafado pola integración de todo o que ía chegando de Galicia ou que lle querían doar as familias dos vellos galeguistas mortos alí. 

En fin, Ourense ten moito que ver con este centro, pois dous dous seus dirixentes históricos eran de Puga: o tío José Villamarín Álvarez, anos depois o sobriño, José Villamarín Prieto, -irmán de Benito Villamarín que marchou a Sevilla e fixo subir ao Betis a Primeira división. E xusto enfronte do edificio, na avenida Belgrano, estaba a sede do Centro Ourensán que era, de feito, a sede da Irmandade Galega e a “oficina” de Castelao ata a súa morte en 1950, e onde houbo grandes celebracións da colectividade, como o banquete a Otero Pedrayo, o 26 de xullo de 1959, e que está gravado e subido en Youtube. Poñan Otero en América e gozarán da palabra e emoción do momento..

Te puede interesar