Opinión

A manifestación en Barcelona

Non me gustan, en xeral, as manifestacións contra o terrorismo porque é o que queren os terroristas. Como son, sobre todo, unha mostra de preocupación e desacougo, a exposición pública destes temores son unha vitoria do terror. Por iso, creo que o mellor, é, dentro do posible, seguir coa vida normal, sen grandes demostracións públicas de afectación. E xa non falemos da rexouba dos terroristas se a estes temores, se engade a visibilidade duns lemas que trasladan as reponsabilidades do terror a outros axentes. Porque, por exemplo, dos abundantísmos carteliños de  “non á islamofobia” parece deducirse que existe como un problema principal. Que aquí se ataca aos musulmáns e eles actúan como reacción. E en España, despois dos atentados do 11-M e de Casablanca, cantos ataques se produciron a mesquitas? Cantas reducións de dereitos e de axudas? Cantas expulsións? En absoluto é un problema a islamofobia en España, hai convivencia harmónica en colexios, rúas e cidades. O que quita que non haxa persoas que se preocupen cando van no metro ao lado de alguén que vai lendo o Corán e musitando entre dentes; ou outros aos que non lles gusta que teñan trato distinto nos comedores escolares ou sociais. E quen vexa nisto islamofobia, está enganado. 

Os outros carteis contra Filipe VI e Rajoy a propósito do tráfico de armas, tampouco resisten unha análise. “Como vós vendedes armas aos nosos inimigos, nós atacámosvos na casa”, é argumentación compatible co Estado Islámico. Pero vexamos. España non vende armas a Siria nin a Irak, aínda que si a outros países, como Arabia Saudita. Pero a vinculación entre ambas cousas non existe. Saben, despois dos Estados Unidos, quen son os países que máis armas venden a Iraq, segundo os datos de 2010-2014? Pois por orde: Corea do Sur, Rusia, Austria e Polonia. E agás Rusia, onde o terrorismo ten raíces propias, os outros, de momento, están libres de ataques. E Siria? Rusia monopoliza esta venda. Por ningún lado aparecen Francia, Bélxica, Alemaña, Finlandia, Dinamarca, Suecia, Inglaterra, Australia ou Canadá, obxectivos, como sabemos, de ataques, nos seus territorios. Así, pois, é obvio que non existe unha relación entre participación no negocio armamentístico e estar no punto de mira.   Pola miña banda, entendo -como os alcaldes da Marea e Podemos de Ferrol ou Cádiz- que é bo que se fagan alí as corvetas para a armada de Arabia Saudita e agradézolle ao rei a súa implicación no tema.

En fin, que cando vin na concentración do día seguinte aos atentados unha disparatada pancarta acusando ao ISIS de estar apoiado por EEUU e Israel, souben que os extremistas cataláns non ían perder a oportunidade de abanear a árbore da estabilidade para producir a máxima desafección co sistema, especialmente co Rei e do goberno central; o PDCAT, sorrindo, xa se encargaría de apañar a froita. 

E xa de postos, tampouco me gustou a colocación en primeira fila dos Mossos de Esquadra, Guarda Urbana, Bombeiros, sanitarios, comerciantes das Ramblas, etc., como se eles fosen algo superior á organización democrática da sociedade. A representación institucional, Rei, presidente do Goberno, presidente de Cataluña e do resto das autonomías, etc.- nunca deberían ir en por detrás de ninguén, nin sequera de xente xenerosa ou que fai ben o seu traballo. Pero tratábase do que se trataba. E xa pasou.

Te puede interesar