Opinión

Manipulacións potencialmente perigosas

Quen ía pensar hai uns anos que un camión se podería converter nunha arma de destrución masiva? Certamente a seguranza total xa non poderá existir nunca. Chega con ver a cantidade de situacións nas que unha persoa con vontade de morrer matando pode arrastrar a outros á súa fin. A sociedade adoitaba funcionar cuns consensos básicos de respecto, tolerancia e, sobre todo, de aprecio pola vida allea pero sobre todo propia. Pero se desaparecen, este último, todo estará un pouquiño máis no aire, dependendo do número de transgresores a esa idea básica de manter a vida e de reproducila que nos indica o instinto e o sentido común.

En fin, ocórreseme unha idea simple, rápida e moi beneficiosa, puro sentido común, para impedir que un tolo islamita ou de calquera outra natureza pública ou privada, poida facer das súas. E provocaría a recreación duns postos de traballo que nunca deberían ter desaparecido. Refírome ás gasolineiras onde un debe servirse a gasolina ou, directamente, sen empregados, con pago previo con tarxeta. Destas últimas, que eu saiba, só funciona unha, parcialmente, en Ourense, no comezo da estrada de Celanova. Vou ao que vou. Sempre crin que debería ser ilegal, por antisocial pero sobre todo por perigoso, o servírense gasolina nos surtidores os condutores. Como é obvio, o traballo de encher o depósito non desapare senón que pasa de mans dos empregados a mans dos condutores que non cobran por ese traballo nin están asegurados, etc. Si, os condutores comúns que nelas repostan están ocupando temporalmente -uns minutos- un posto de traballo para o que, creo, nin sequera teñen capacitación legal. Explícome. Se para conducir un vehículo distribuidor de calquera produto perigoso un debe superar un curso de manipulación de mercadorías perigosas de oitenta horas, e para traballar nun bar e abrir cervexas, o de manipulación de alimentos,  que non faría falta para abrir a billa e deixar saír un líquido inflamable perigosísimo. 

Voulles facer un microrrelato de terror. Un tipo chega a unha gasolineira, colle a mangueira da gasolina e en vez de meter o bico no depósito, ponse a furrichar para todos lados durante un par de minutos, coches, camións, persoas, outros surtidores que traba para que manen as gasolinas a caneiro cheo polo chan, e logo dos berros de rigor e invocacións ao altísimo, acende un mecheiro baixo o chorro. Que? Sensación nas noticias!  Así que, simplemente, debemos volver ao que foi no seu tempo: empregados capacitados controlando o asunto, servíndonos a gasolina, cobrando, limpando o parabrisas, etc.  Imaxinan a cantidade de postos de traballo que se crearían da noite á mañá simplemente prohibindo a manipulación dos surtidores de gasolina por parte de particulares alleos á empresa expendedora?  Non están as gasolineiras, precisamente, en trance de desaparición, nin baixaron os prezos pola redución de empregados. En fin, a cousa parece de caixón e non creo que haxa ninguén que, seriamente, se poida opor.

Eliminemos un risco potencialmente moi perigoso. Debemos prever o imprevisible, o previsible faino calquera parvo. E de paso, cremos uns miles de postos de traballo que non veñen mal.

Te puede interesar