Opinión

Marraus

Anosa palabra “marrau” -que na Galicia occidental é marrán- procede do árabe andalusí “maharam” que significa “cousa prohibida” e que foi aplicada aos xudeus conversos porque seguían sen comer -tres ou catro xeracións, non creo que máis- carne de porco. E de aí, mutatis mutandis, pasou a ser unha das moitas palabras para o que os científicos chaman “sus scrofa domestica”, e nós, porco, cocho, quiro ou como gusten. E, despois, volveu a palabra a designar humanos, pero non xa por cuestión de relixión, senón de falla de hixiene física ou ética. Chamarlle a alguén “marrau” significa que non se lava ou que se comporta rastreiramente.

E por que me veu a cabeza a palabra? Pois porque dou voltas pola cidade e vexo cousas. Os grafitis son arte, se son arte. Ou sexa se os que fan son artistas plásticos urbanos. Como o grande Mon Devane. Pero a adquisición dun bote de spray nunha tenda de pinturas ou dun rotulador gordo nun chino, induce no comprador o mesmo nivel de sabedoría, experiencia e capacitación para o uso do material que ten entre mans, que a adquisición dun bisturí ao seu comprador ou dun bolígrafo ao que quere ser escritor. Ou sexa, cero absoluto. De aí que non poderiamos defender que todo o que compre un bisturí poida operar, nin considerar escritor a todo propietario dun bic cristal. O primeiro deberá ter bagaxe académico e profesional que demostre o seu paso pola Facultade de Medicina, prácticas, etc; o segundo, unha obra que o respalde. E a ningún cirurxián se lle ocorrería defender que calquera que puidese comprar un bisturí puidese operar nin tampouco outro publicar algo porque co bolígrafo apuntou unha lista da compra. 

Xa sei que os exemplos son extremos, pero así, nas caricaturas, os perfís amósanse máis claros. En fin, que mentres a compra dun spray ou dun rotulador gordo sexan libres -por moitos anos- debemos incidir noutro nivel, porque non existe en ningún lugar o dereito a emporcar unha cidade. O que o fai, non é un artista, e un marrau e hai que lle impedir que o faga. Estou, a verdade, un pouco canso de oír que hai que educar á xente. Hai conceptos básicos que deben vir de serie, da casa. (Hai que darlles ás crías humanas xunto con cariño e atención, alimento do corpo -leite, ovos, carne, peixe, verduras-, pautas de comportamento da persoa -o que hai no prato é para comer, pon a mesa, fai a túa cama, ata que acabes de facer os deberes e ordenar o teu cuarto non saes, dá as grazas sempre, di bos días ao chegar, non collas o que non é teu, axuda aos demais, etc.-) 

Creo que non é preciso que lle teñamos explicar a ninguén as razóns de por que non pode emborranchar a milenaria Ponte Vella ou o portal da miña casa. Non falamos, en absoluto, de liberdade de expresión nin de creación artística, como vostedes ben entenden. Nin dos murais do paseo ao pé do río, nin dos grafitis dos garaxes do barrio das Camelias, fermosas realizacións consensuadas na súa realización. Falamos das agresións con lemas, con cousas incomprensibles, trazos inconexos, debuxos obscenos sobre bens alleos. Temos dereito a que se respecte a nosa cidade; os edificios, antigos e modernos, valiosos e non, a catedral, a ponte, a súa e a miña casa. E temos dereito a que sexan reprendidos e reprimidos. Que pinten nos seus cuartos, se llo permiten os papás, pero aos demais que nos deixen en paz.

Te puede interesar