Opinión

Medo a Google

Hai moitos anos, cando empezaba a Internet, había varios buscadores. Uns usaban Excite, outros Yahoo, outros  Metacrawler. Eu era destes últimos, non sei por que. Tamén, daquela, uns usaban para textos WordStar, outros Word Perfect; eu, que era de WordStar, incluso, ás veces, para conversións usaba Peach Text. En fin, estas cousas soan xa antigas: agora xa todos usamos Google e Word, aínda que cada vez pelexa máis o software libre, sistemas menos sofisticados pero gratis e menos controlados. O malo, como sabemos todos os que nadamos entre as dúas augas é que ás veces case afogamos nos remuíños: se levas unha presentación en  Powerpoint a unha charla e no ordenador non está instalado máis que o LibreOffice, pois hai problemas. 

Vivimos, si, nun tempo complexo. Agora xa non son os datos que cabían nun disquete flexible de 5 ¼ pulgadas (0,72 megas) ou de 3 ½ (1,44 megas) e que hoxe se nos antollan ridículos. (Lembro o primeiro PS-2 de IBM que comprara, de segunda man, por 250 mil pesetas, cun disco duro de 20 megas!). Agora flúe polas redes unha cantidade inxente de información. Desde calquera pagamento que facemos con tarxeta, ata a nosa consulta nunha oficina, ou no Google ou emails e whatsapps enviados e recibidos. A todos nos pasou que despois de buscar información sobre algo, un hotel en Praga, por exemplo, logo empeza a saltar publicidade relacionada como se nada mellor tivesemos que facer. Isto vén da xestión do que se dá en chamar “Big Data”, do procesamento dunha cantidade inxente de datos que se xeran constantemente no mundo e ao que se lle aplican sistemas informáticos e modelos matemáticos e que eu non daría entendido aínda que mos explicasen ben. Non entendería, pero si sei onde chegan. Dúas experiencias. 

Un día aí atrás, alá polo mes de abril comprei un billete para ir a Chile; ao pouco chegoume un email de Google Calendar, rifándome. Dicía se quería que me desen avisos cando tivese que coller os avións, para non volver perder un como acontecera aí atrás. Eu, efectivamente, pagara un billete coa miña tarxeta, non para min, e non foi usado. E claro, os robots da xestión do Big Data deberon cruzar datos non só de compras de billetes senón de prazas pagadas e non usadas nos avións para detectar aquela ausencia.  A verdade é que non me gustou tanto control.

Pero o outro día chegoume un correo peor. De Google Maps Timeline. Dicía “Tu resumen de noviembre”. Pinchei alí e quedei asustando: Día a día, hora a hora, e sobre un mapa proxectaba o percorrido que fixera, e se a pé ou en coche. E sitios onde parara. Que se fora ao instituto a tal hora, que se volvera por casa dos pais, que se pola tarde fora ao tanatorio, que se ao día seguinte fora a Vigo e estivera na cafetería do Hotel Junquera, que se subira a Trasalba dando un rodeo por Amoeiro e baixando por Santa Cruz... Mi madriña.  Pensei que o culpable era o teléfono. E dinlle para atrás nesa liña do tempo, e saironme, hora a hora,  os lugares que percorrera en Valparaiso ou Santiago de Chile en abril: hoteis, parques. En fin, pensei que había tempo lle dera permiso ao teléfono para “compartir ubicación” para que o Meteogalicia me dese o tempo do lugar onde estaba. Dáslle a man a uns e cóllenche o brazo outros.  Menos mal que non teño nada que ocultar. Ou pouco.

Te puede interesar