Opinión

De museos, paz e guerra

Teño o costume de escoller pezas favoritas nos museos que visito. E cando volvo a eles, procúroas como vellas amigas. Normalmente non son moi coñecidas, pero por algunha razón chámanme a atención e establezo con elas unha relación de complicidade. Por exemplo a pintura dos bois de Van Gogh na National Gallery de Londres, por simpática (escriban “crabs van gogh” en Google e venos); por exemplo o cadro de Goya titulado “El sueño”, creo que de sono, non de soño, na National Gallery de Dublín, cun tema e uns tonos amarelos pastel e liña esvaída que fan presaxiar o impresionsimo; por exemplo os amantes Katep e Hetepheres no British Museum que nos ollan de fronte xurando o seu amor desde hai catro mil trescentos anos...

E en Estambul, no Museo Arqueolóxico, pois teño tres pezas favoritas. Unha está nunha sala do século V é é unha pequena placa de marquetería de mármore na que se ve á emperatriz Elia Eudocia, a muller de Teodosio II, que parece a orixe da inspiración de Gustav Klimt e das figuras femininas da secesión vienesa. As outras dúas están nas salas do Medio Oriente, xusto á entrada, e que están alí para lembrarnos que non hai tanto, cen anos escasos, o Imperio Bizantino ocupaba toda esa zona, Iraq, Siria, Líbano, Israel, Arabia, Exipto... Destas dúas pezas, unha é unha taboíña de barro con escrita cuneiforme que contén unha táboa de multiplicar, do século vinte e tres a.C. se non lembro mal.

De Ugarit. Si. A pesar de só ver liñas, enténdese ben na disposición dos signos, que é unha táboa de multiplicar. O outro, é unha peza bastante coñecida. Trátase dunha copia en terracota moi estragada dun importantísimo documento. O “tratado de Qadesh”. Nin máis nin menos que o primeiro pacto de paz escrito de que se ten coñecemento. Un acordo entre o imperio hitita e o exipcio, despois dunha crudelísima batalla –a primeira relatada casa xornalisticamente- que foi a finais da primavera de 1.274 antes de Cristo, ou sexa hai uns 3.289 anos. E lémbrome dela porque Qadesh, o lugar onde foi a batalla entre Ramses II o Exipcio, e Muwatalli o Hitita, está no medio do furacán da historia actual.

Lugar dunha base da aviación do réxime de Assad, en Siria, a uns dez quilómetros ao sur da cidade de Homs, un dos focos emblemáticos da guerra. Cantos anos, cantos séculos, cantas xeracións levan pelexado nesas terras, sen acougo? Leva servido para algo? Tantos deuses, tantos intereses, tanta atención, tanta pelexa de identidades –tal que A vida de Brian- fai que sexa esa zona unha terra maldita na que pelexan polos deuses –divinos ou laicos- pero morren só os humanos humildes. Si. O tratado de Qadesh foi unha sinatura de paz por esgotamento. Como tantas veces. Ese maldito Oriente Medio, ese taboleiro onde todos poñen razóns e os de alí o sangue.

Deberán chegar a estar todos esgotados para parar? Hoxe o mundo é máis complicado aínda que naqueles finais da idade do bronce. E daquelas exterminaban aos soldados supervivintes por covardes, por non teren morrido en combate. Hoxe hai quen fai o mesmo. Máis de tres mil anos para nada.

Te puede interesar