Opinión

A mutabilidade das festas

As festas, coma todo, cambian: unhas para arriba, outras para abaixo. En Ourense é claro que o entroido e o carnaval son as que máis soben, e os maios, por exemplo, as que máis baixan.

Permítanme que lembre que entroido -ou antroido- son as palabras tradicionais que teñen que ver coa introdución á coresma -como antruido en Riaño, León, antruxo en Asturias, entrudo en Portugal ou antruejo en boa parte de Castela- e carnaval, a palabra italiana sobre o aspecto máis cosmopolita destas celebracións. E permítanme lembrar que cando en 1937 se prohibe o carnaval (BOE do 4 de febreiro) foi cousa comprensible. Contaban os vellos que nese ano, aproveitando as caras tapadas das máscaras, houbera excesos, violentos axustes de contas, en relación con cousas da guerra. A partir dos cincuenta foise abrindo a man e deixándoos facer nas sociedades e sen simpatía ningunha por parte da Igrexa. Aínda lembro unha curiosa homilía de monseñor Temiño, debía ser 1978 ou 79, na que dicía que carnaval era unha festa “truhanesca y depravada”. Aquel ano multiplicáronse, claro, os disfraces de bispo.

Creo que neste mundo global, as festas que máis soben son as que se apoian en paralelos mediáticos alleos. Isto é, sabemos que o Nadal se celebra por todo o mundo adiante, e o carnaval tamén. Aí estamos presentes e, no caso do carnaval sendo moi protagonistas a nivel europeo. Baixan, pola contra, as festas do San Lázaro e os Maios, pero resiste moi ben o noso Magosto. Si, creo que as festas máis populares de Ourense, hoxe, son o Carnaval e o Magosto.

Por certo que igual que cambiamos a hora de inverno e verán, alá na noite do 4 de novembro de 1582, cambiaron o día. O seguinte foi 15. Foi o paso do calendario xuliano ao gregoriano. Iso desaxustou o refraneiro (“Pola Santa Lucía mengua a noite e crece o día”, era certo antes do cambio, pero non despois. É o 13 de decembro). E, se cadra, tamén desaxustou en once días a celebración da nosa festas de lume e maxia, o magosto, que sería na festa de defuntos e purificación. O noso Halloween, o noso Samaín, sería en realidade o Magosto.

As festas grandes e particulares da cidade foron en tempos medievais, dúas. As de Corpus -hai referencias medievais interesantísimas, de 1437 e de 1441 onde aparece á parece unha “qoqa” -escandalosa, chámanlle- como a de Redondela, tamén a danza de espadas e cirios. E, segunda, a festa de San Martiño era un feirón anual de quince días ou un mes, descrita polo miúdo nun documento de 1448. Logo, desde fins do XVI, o San Roque pasa a ser a festividade relixiosa dominante grazas ao voto da cidade pola axuda do santo contra a peste de 1598. Pero como o día era complicado (o 16 de agosto, normalmente férvese nunha cidade baleira) no 1901, o concello volveu mover a festa grande ao Corpus.

En fin, tamén o Corpus, finais de maio, está bastante de capa caída: non só disputas permanentes de onde montar os postos, senón época de exames. Lembremos a importancia da escola no rexurdimento, entre outras cousas, do Carnaval. Tampouco cotiza a alta o día dos Remedios -6 de setembro- onde só os irreductibles festexamos a “reentré” na normalidade do curso, comendo o pulpo ao lado da capela. Que sexa por moitos anos e que vostedes o vexan.

Te puede interesar