Opinión

Nacionalistas e nacionalistos

Non sei se será de aplicación o dito de confundir o cu coas témporas ou outro semellante que nos remita ao absurdo de determinadas situacións. Ou será, simplemente, que hai que saber estar e saber a que público se dirixe un.

O domingo pasado na entrega do premio Celanova Casa dos Poetas ao Parlamento Galego, con todo sentido, tomaron a palabra para agradeceren o premio os representantes da catro forzas políticas con presenza na Cámara. En xeral, creo que os discursos estiveron bastante fóra de lugar. Debía primar, para o meu ver, o agradecemento por un premio colectivo á Casa da Palabra para salientaren, entre todos, as cousas que unen o labor parlamentario do día a día, e non servir para trasladar mecanicamente o tenso discurso político actual ao claustro barroco. Non era o monumental espazo unha prolongación da Cámara para escoitarmos alí ataques e reproches políticos por parte dos grupos da oposición ao goberno.

Creo que tería sido ben mellor que os voceiros todos leran as dedicatorias que puxeran no libro de honra da Fundación e fixeran unha glosa dun par de minutos do escrito e punto. En fin, como espectador resultoume un pouco pesada a parte política dun acto no que debería ter primado o institucionalismo de que fixeron gala Puy e Santalices, e que contou cunha extraordinaria actuación de Amancio Prada.

A este modesto cronista sorprendéronlle varias cousas. En primeiro lugar, que a proposta da rede de vilas literarias de Galicia feita polo alcalde de Celanova e presidente da Fundación Curros non fose comentada polos voceiros: traían un discurso preparado e soltárono. Segundo, que non estivesen todos os deputados de Ourense. Ou sexa, se a institución política na que representan aos cidadáns da provincia recibe un premio tan significativo, os deputados de Ourense, independentemente do partido no que militen, deberían estar alí, orgullosos e festivos. Había bastantes, si, pero faltaban outros.

E sorprendéronlle, tamén, as erráticas expresións de xénero da representante no acto do BNG, Noa Presas. Ás veces utilizaba o plural feminino como inclusivo do masculino (as nacionalistas pensamos), ás veces usaba a alternancia (nosoutras e nosoutros) e no medio desta silveira onde é difícil non se enredar, dixo algo que ata o momento só figuraba en chistes e memes de guasap: “As nacionalistas e os nacionalistos”. Enganaríase inercialmente no trabalinguas do xénero? Sería intencionado? O caso é que como non rectificou -habíalle ser ben complicado ante os murmurios de sorpresa dos presentes- poderíase tomar por acto voluntario. Resúltame difícil de crer aínda que o oíra cos meus ouvidos e teña xa moi devecida a miña capacidade de sorpresa. Decántome, pois, por un involuntario lapsus linguae producido por esa preocupación absoluta no mantemento da suposta corrección de xénero, a preocupación máxima pola forma. Que me perdoe Noa, pero ela, que é lingüista, debería coidar estas cousas con mimo. Eu, que non son lingüista -e lingüisto nin lles conto- procuro non caer en máis absurdos que os da propia vida. E os da lingua son ben fáciles de evitar: hai que falar como fala a xente e xa está.

Te puede interesar