Opinión

Non me gustan os cans

Non. Efectivamente. Así, en xeral, non me gustan os cans. Non soporto saír a dar unha volta polos camiños que me pete ás sete da maña, ou a calquera hora, e que os cans salten ladrando sobre os valados das casas como posesos, babexando como devecentes pola miña carne rica. Non teño madeira e heroe nin de vítima: dou volta. Teño medo de que haxa unha cancela aberta e xa me ten pasado. E, sobre todo, incomódame que agridan a miña tranquila liberdade de usuario pacífico de espazo público. Certo que antes había menos casas e máis concentradas e que agora está todo cheo de novas construcións onde vive pouca xente e que así se senten máis protexidas. Pero non debe ser a custa da miña liberdade de camiñante. E non me falen de que a culpa é dos donos, tampouco me gustan, claro, eses dos donos que teñen cans semiabandonados nas fincas.

Nin sequera eses cadeliños ridículos vestidos de cadros escoceses que levan algunhas mozas ou señoras no colo e lle dan biquiños nos fociños. Puagh. Nin esoutros cans que pasean xuntos agarrados coas súas correas e aos que hai que cederlles o paso porque non cabemos nas beirarrúas. Non me gusta  a imaxe dun can cagando e un señor ou señora dobrando o lombo para apañar a deposición -se non anda esfurricado o can- coa súa bolsiña de plástico, e moito peor, claro, se non a recollen. Tampouco, a imaxe do que anda cunha botelliña de plástico zurrichando onde o can mexa. 

Non me gustan os letreiros que advirten “Ollo ó can” ou “Can solto” e xa non lles digo o de “Perro peligroso”... Eu, cidadán libre da república dos camiñantes, que non molesto a ninguén, non quero soportar que me ameacen e que digan que “debo andar con ollo”.  E o de “can solto”? Por min como se o teñen desecado no salón. Como queiran, mentres a min non me ladre. E non me ameace. E non me agrida.  A desacougante contaminación acústica dos cans ladrando en masa coral aos pacíficos camiñantes solitarios ou botándose aos ciclistas, non é de gusto.

Non me gusta que os cans me veñan cheirar os baixos dos pantalóns, nin que os donos me digan cunha risa tonta iso de “non fai nada” como se un fose parvo. “Só quere xogar”, aseguran, como se un tivese a obriga de pregarse aos desexos do cadelo. De momento escollo con quen xogo, vale?
Non me gustou nada ver lexións de cans abandonados, piollosos, sarnosos, vagos, estumballados ao sol nas rúas e prazas de Valparaíso -xa escribira sobre iso Blanco Amor nos anos cincuenta-  mantendo á raia aos pobres. Iso da teima dos cans cos pobres, do que xa falou o Castelao, transmutouse en xenreira aos paseantes, agora que, por sorte, xa non hai pobres de pedir errando polos camiños. 
E onde dixen can, para que non haxa dúbida, poden engadir vostedes sempre “e cadela”.

Excepcións. Por suposto. Xa dicía Bernard Shaw “todas as xeneralizacións son falsas, incluso esta”. Así que que cans me gustan? Os perritos calientes – ou cachorros pola forma portuguesa- con mostaza densa e forte dos postos da rúas alemás. E tamén,  todos os lazarillos dos cegos -escollidos para o seu adestramento entre os máis pousóns de cada camada-  e en xeral, sen paixón,  os canciños e cans amables -sexan un chihuahua ou  afgano ou de calquera raza amigable- que non se metan con un, que luzan ben e que lles presten ós seus amos.

Te puede interesar