Opinión

Nós, os invisibles

E quen somos nós? Pois, seguramente, querido lector, nalgunha circunstancia, vostede e máis eu. Non se trata dunha invisibilidade absoluta, pero si, polo menos, dunha visión, dunha percepción difusa, esvaída, fragmentaria, habitual na que o observador do sur non acaba de recoñecernos. Si. Pregúntome -e seguramente poderei razoar a resposta por máis que esta me desacougue- pregúntome porque case é imposible que en Portugal che contesten en portugués cando lles falas en galego e tratan de facelo, en castelán. 

No fondo, creo que sería fundamental que Galicia se “vendese” máis, de seu, no territorio amigo da Lusitania, para que non nos visen só como un apéndice de España. E debían saber que temos unhas linguas esgazadas do mesmo tronco que aínda manteñen unha ampla relación, e que nós estamos encantados e presumimos en España da posibilidade de entendérmonos con eles desde o galego; ao tempo de estarmos, tamén, orgullosos da nosa forma de falar e de ser. E si, creo que igual que Galicia ten que facer e fai unha política autónoma e propia naqueles espazos onde a emigración é importante -Cuba ou Arxentina, por exemplo- con igual forza polo menos, aínda que con motivo distinto, debiamos proxectarnos de noso en Portugal. Que saiban que existimos máis alá do estrato de cultura castelá que nos oculta... Pensemos, por exemplo, nun turista portugués que se achega a un quiosco galego ou vai movendo o dial da radio ou cambiando de canal na TV do hotel cando vén. Case non existimos.

Ademais, se o seu castelán da zona raiana é pasable -moitísima relación hai permanente co turista español en Valença do Minho, por exemplo- o doutras zonas menos visitadas onde non hai tanto trato é moito peor. Pero eles insisten, tratan de ser amables e teiman en falar un atoutiñante castelán que a moitos nos desconcerta. 

Eu pódolles dicir que por ter estado algúns meses en escavacións arqueolóxicas en Portugal, por ter impartido docencia, tamén, algún tempo en Salvador de Bahía, pero sobre todo por ser habitual lector de portugués desde a miña época de estudante universitario -a nosa arqueoloxía castrexa ou megalítica, ou os suevos, por exemplo, son cousas comúns- pois podo falar con bastante soltura portugués. Pero hai tempo que non o fago. Antes si, pero agora non me peta. Hai anos tomei a decisión de promover a nosa visibilidade. Agora sempre que vou a territorios lusófonos, procuro falarlles galego coa mínima adaptación léxica -frango por polo, e cousas así- ao tempo que lles explico -máis o teño que facer canto máis me afasto da raia- que non estou tratando de falar portugués e que o fale mal, senón que lles estou falando na outra póla que nin é portugués de Portugal,  nin brasileiro pero que está na raíz delas dúas.

O outro día aí atrás, nas vacacións, ao chegarmos ao hotel de Ponta Delgada na illa de San Miguel, nas Azores, unha reporteira da televisión autonómica achegouse e preguntoume se lle podería contar para a cámara as razóns polas que visitaba as illas, e que expectativas tiña. Aclarou, amable, que podería falar castelán -castellano, como eles din. Retruqueille, rapidamente, que aceptaba, pero que falaría en galego. Aceptou, obviamente, e durante uns minutos comenteilles a sedución das Azores e fixen algo de pedagoxía lingüística cos irmáns do sur, iso que estaba de vacacións. Ou de “ferias”, que dirían alí.

Te puede interesar