Opinión

O bandalismo

Os suevos, vándalos e alanos, visigodos, etc. eran pobos xermánicos que ocuparon o espazo do poder deixado polo afundimento do imperio romano, no que eles, tamén, algo de culpa tiveron, pero non demasiada. Afundiuse de seu. 

Para os romanos, cultos e sensibles, eses pobos eran uns animalciños porque non se suxeitaban á súa concepción do mundo. Por iso lles chamaban “bárbaros” o que viña ser “estranxeiro incivilizado”, sobre todo desde que Alarico I entrara a saco en Roma, no ano 410. Pois entre estes grupos, os vándalos, tiñan fama eles de ser especialmente brutamontes. De aí que se empregue a expresión “vándalo” como tantas outras orixinarias en cuestións étnicas ou de orixe, para definir ou insultar. Un vándalo é un vándalo, como un cafre é un cafre, que era a forma en que os árabes de Arabia chamaba aos negros non islamizados, do sur de África. Ou sexa, non aos finos somalíes de Al Shabab en Somalia, senón aos refractarios ao islam.  Pero se hoxe ao lle chamarmos vándalo ou cafre a alguén, non pensamos, loxicamente, na historia da palabra e só nun tipos de comportamento despreciable.

Pero eu penso que podemos ter outras palabras para este subxénero humano destrozador por pracer, sen recorrer á lembranza dos irmáns dos nosos suevos. Para empezar, “Bandalismo” valería, pois nunca actúa un só, teñen que ir en “banda” para sentirse alguén; o que non se atrevería a facer só, en grupo si.  Tamén, podería ser “tuzarismo” que sería a cualidade do túzaro, que me acabo de ver -comprobar nos dicionarios-  que é palabra exclusivamente galega. Desas como “colo” ou “silva” coas que enriquecemos o noso castelán. Si. Un túzaro é un ser insociable e bruto que ben podería romper unha farola ou facer unha pintada na ponte vella. Tamén, poderíamos empregar “babequismo”, a cualidade do “babeco”, este tipo tan escaso de neuronas que se baba; ou “montaracismo”, a cualidade do montaraz, do tipo que está “a monte”, ou sexa, un individuo no que non se pode cultivar nada, porque para nada serve. 

En fin, creo que sobran palabras e faltan accións. E sobra, por canseira, a insistencia no tema educativo.  Non, non hai que educar máis. Parece que os profes son reponsables ata da morte de Kennedy. Hai xente impermeable. Non hai que explicarlle a ninguén que non debe romper unha farola posta hai menos dunha semana. Nin dun mes. Nin dun ano. Nin dun século. Non. Nada diso. Todo isto ten que vir de serie. Do xen. Da casa. E xa está ben de allear culpas. A ver se vai ser que de pequeno quería ter unha farola e non lla compraron e está resentido coa sociedade, o pobriño. Nada, nada: pau, pau e, en caso de dúbida, pau.  Como nos monicreques de cando eramos nenos, cando viña o demo ou a bruxa e diciámoslle ao Chacolí que lle dese coa estaca. Toma, toma e toma. Pero se non poden ser estacas físicas -a función pedagóxica da mau de ostias está  hoxe mal vista- haberá que establecer outras medidas punitivas que non sexan menos eficaces. Non pode ser que un imbécil ou un parvo -o que carece de báculo onde apoiar a súa personalidade ou o simplemente pequeno, segundo a etimoloxía- destroce o que teña a man por puro divertimento, emporque o de todos, e non pase nada. Ou reaccionamos os romanos coa nosa lex ou vencen os vándalos co seu ouverar na noite.

Te puede interesar