Opinión

O bico

O outro día vin a uns adolescentes bicándose na rúa. Sorrín e marchei cismando. E creo que non é para menos. Foilles tal que así a cousa:

Estaba eu no cruce do Progreso enfronte do Marcos Valcárcel e ía eu cruzar da parte de aquí para alá, ou sexa da parte do Centro Cultural á outra. E alí enfronte estaban eles dous. Deberían ter quince ou dezaseis anos. Levaban cadansúa mochiliña como se viñesen, a esas horas -debían ser as nove e algo-, dunhas clases particulares. Fixeime neles porque algo chamaba a atención. Preto do paso de peóns, os dous, de pé, apoiábanse nas frentes. Un na do outro e tiñan os pés algo retirados. Tal que un humanal triángulo isósceles. E nesa posición, claro, non se podían mirar aos ollos. Había unha contradición na escena... Moita proximidade física, incluso contacto, pero non había mirada. Fixeime. Ambos miraban abaixo. Ambos tiñan os cóbados para fóra. Ambos tiñan os ollos cravados nos móbiles e estaban guasapeando a dúas mans. Íalles sacar unha foto, pero non me atrevín. Non quería, non podía, nin era quen, para romper aquel momento, nin para inmortalizar aquela escena de protagonistas descoñecidos. Pero tentado, estiven.

Olleinos durante dez ou doce segundos. Nun momento dado, ao tempo, como coordinados, ambos ergueron as caras e déronse un bico. Arregalei os ollos e sorrín horrorizado. Tiven a seguridade, seguridade absoluta e irracional, pero seguridade, de que estaban guasapeando un co outro. E pensei, intuín, que se estaban dicindo coas letras das pantallas o que non se atrevían a dicir coa voz dos ollos. 

Marchei cismando. Deille moitas voltas e non cheguei a nada. Non sei. Este é outro mundo. Eu son nativo de Álvarez, Enciclopedia, ás veces cústame entender o mundo dos adolescentes de hoxe. Se cadra é mostra de que as follas do calendario nunca se volven pegar ou de que cada día caen con máis facilidade. En calquera caso, sempre foi así. Máis dunha vez teño lembrado un texto que nos pasou a miña querida Merce Durany na que un pai se queixaba do comportamento dos fillos, dos pelos que traían, de que non facían caso, e do mal que andaba o tempo... e que eu situei no maio de 1968, cando en realidade era a tradución dunha das taboíñas cuneiformes de Ur, de hai uns 4.800 anos. Pero si, resultoume difícil de integrar a escena. Un mozo e unha moza, xuntos, frentes apoiadas e guasapeando un co outro! Pero se cadra é así xa. Se cadra iso lles facilita dicírense cousas bonitas tipo “Dam’ 1 bko” seguidas dun emoticono dunha cariña cos ollos faiscantes, ou con corazóns, e así se comunican. Eu que sei. Se cadra todo está ben e é que simplemente eu estou máis vello que onte. Iso seguro. Eu cismei... Cisme vostede tamén. Pero, seguramente, non chegará tampouco a ningunha conclusión. Porque non a hai e seguramente non a pode haber. Simplemente o mundo cambia. Si. O mundo xira e xira e xira, e como non é unha desas malditas lavadoras novas, fillas da obsolescencia programada, non se lle derraman os rodamentos nin se sae o eixo, aínda que ás veces, se ve moitos telexornais, tal pareza.

Te puede interesar