Opinión

O cu de palla

Dicíase antes “quen ten o cu de palla logo lle arde”. Ou sexa, que hai persoas susceptibles de máis. E nestes tempos isto é moi visible na web, ese pozo onde se mesturan augas limpas e lamas tóxicas, onde as verdades conviven coas mentiras e coa desinformación consciente e inconsciente. Un caso. A raíz do nomeamento do ministro de Xustiza, saltaba ás redes un documento por el asinado hai anos no que se refería ao “dialecto gallego” nunha sentencia do seu tribunal. Lume na palleira. E a aclaración por el dada ao día seguinte ao de autos -asumía o erro do funcionario redactor da comunicación da sentenza e pedía desculpas, coñecedor da importancia do galego como idioma, etc.-, non se reproducía. Metín o enlace en varios fíos e, normalmente, quedou esmagado na enxurrada de lixo que lle chovía ao home.

E tamén, outro día, con outro motivo relacionado co cambio de goberno, deron en botar lume as redes ao respecto da cuestión toponímica porque saíu non sei onde “Sangenjo”. En fin, voulles contar brevemente a miña idea porque é cousa que me cansa e amola. “Topónimo”, claro, é o nome dun lugar. E se é lugar pequeneiro -digamos Esgos, Greenwich, Lorient, Capo di Ponte, ou Barbaña, por exemplo- só teñen o nome que lle chaman os locais -ou sexa o “endónimo”-, e os demais usámolo en todas as linguas. Pero os países, cidades, ríos, montes, etc. coñecidos fóra do seu ámbito lingüistico comparten o seu endónimo propio (Deutchland, France, London, Thames, Donau) con “exónimos” -como lle chaman desde fóra- en varias linguas (Germany – Alemagne - Alemaña, Franza- Francia, Londres – London - Londra, Támesis - Tâmisa (en portugués), ou Danav - Duna – Dunare - Dunay, etc., para nós, Danubio). Ben. As cidades presumen de moitos exónimos para presumiren de famosas. Postais teño de Viena que inclúen Wien, Wean, Vienna, Vienne, Wenia, Viden, Vieden, Wieden, Becs, Bec, Beç, Dunaj e varias máis en alfabetos, para min, ilexibles.

E nós sabemos que hai cidades de Galicia que eran coñecidas fóra. Sobre todo, Coruña, Vigo e Santiago de Compostela. Unha delas, Vigo, nunca xerou exónimo, pero as outras si. Así, localizamos San Giacomo di Compostella, Saint-Jaques-de-Compostelle, Saint James of Compostela... E tamén sabemos que cando un fonema ou grafía propio da lingua que xerou o topónimo non existe na lingua na que estamos falando, adaptámolo. Nós pronunciamos Río de Xaneiro (coa nosa fricativa palatal xorda, de xamón, e non coa sonora deles, máis parecida a “llaneiro”, mentres que en castelán len a ortografía lusa coa pronuncia castelá, así din “Janeiro” en vez de traduciren a “Enero”). E nós hoxe dicimos Xixón ou Xaén, ou Xénova ou Xeorxia, porque, loxicamente, non imos introducir un son que non temos na nosa cadea para cando nos cadre falar deses lugares. 

Dito doutra maneira, para os galegos é normal, falando castelán, dicirmos Xinzo, Xunqueira, Sanxenxo... Outra cousa sóanos mal e fainos encarrapichar as orellas. Pero como diga a Real Academia Española de adaptalo á súa pronuncia, ou como digan os veraneantes de Madrid, tanto me ten. Se queren dicir coma nós, encantado; pero se non, que digan Sangenjo, Sanguengo, Sanje, ou como lles pete. Paréceme de máis querer gobernar na lingua castelá. Si, por suposto, para cuestións de leis temos nós o DOG. A única forma oficial é a que é, a nosa, xa está. Punto. Morra o conto.

O que me preocupa a min, o único, é que cada vez se oia menos galego. E non creo que nisto teña nada que ver como lle chamen desde fóra da nosa lingua ao lugar ese da Ría de Pontevedra. Élles máis complicado. E vostedes, sábeno ben.

Te puede interesar