Opinión

O sapoconcho e a fariña

A palabra máis enxebre para as tartarugas, a de sapoconcho -realmente parece unha sapo con cuncha- púxose de moda en España a través de OT. E quero lembro con saudade, os sapoconchos que nos traía a miña tía Nemi das terras de Castroverde e Ponte Noalla, no Barbaña limpo, na zona de San Cibrán de Viñas. Pois tamén a palabra “Fariña” se puxo de moda e por cousa tamén simpática, como esa alianza do ex-alcalde do Grove co autor do libro – e da serie- na súa promoción. Lembremos como unha obra chamada a pasar case desapercibida -un libro de poesía en galego no XIX como o “Aires da Miña Terra” de Curros Enríquez, grazas á actividade prohibidora do bispo Cesáreo Rodríguez- conseguiu ser un “best-seller” indubidable: nada mellor que dicirlle á xente o que non debe ler, beber ou facer, para que inmediatamente todo o mundo trate de pórse a elo, para xulgar por si mesmo. 

Ben, pero iamos á visibilidade. Vaiamos a que nos últimos meses existe unha nova imaxe da personalidade diferencial lingüística galega en España. Si. Sapoconcho é palabra que axiña se comprende e se integra. E “fariña”, outro tanto. Ademais “fariña” no sentido de cocaína, é unha resemantización propia, un engadirlle un novo significado secundario a unha palabra vella; algo que ocorreu, de seu, inicialmente, nas Rías Baixas. En xerga española non se di “harina”, pero non me estrañaría que desde agora si. Que é propia de aquí sabémolo todos pois cando preguntabamos por grandes construcións na costa, o normal é que a xente rise e dixese que “debían andar na fariña”, como se tal cousa. Se cadra é positivo que volvan ver fóra con normalidade acento e construcións galegas. Porque de sempre estiveron ambas linguas moi “entrefrebadas” e próximas. En Ourense, por exemplo, hai un documento ben curioso, do ano 1385 no que os representantes dos veciños protestaban ao bispo D. Pascual polas tropelías que os seus homes cometían na cidade, denunciando na súa lingua normal, en galego, e no mesmo documento está recollido como o bispo contesta no seu castelán de recén chegado. Pero xa antes, máis dun século antes, no Códice Rico, o das miniaturas, das Cantigas de Santa María do Rei Sabio, as vinte primeiras aparecen co texto tamén en castelán para facilitar a interpretación dos non lectores non galego-sabedores. 

Interrogados os meus alumnos sobre o seu parecer das linguas da serie, había, claro, opinións diversas. Uns dicían que preferirían que estivese rodada en galego e subtitulada en castelán. Outros que estaba ben así, porque subtitulada non se ía vender en España de igual maneira e que así nos faciamos máis visibles, que non todo ía ser Cataluña, Madrid e Andalucía. Incluso pensaban que se ían impor palabras galegas en xergas españolas, como “parvo”, “aturar”, “rosmón”, “argallar”, “escarallar” que se repiten nos episodios. Ese “share” elevadísimo, do 43,3 de cota de pantalla en Galicia e de arredor do 20 en España, fala do grande éxito da serie. Case a metade dos galegos recoñecemos naquela época na que o Winston de batea era venda común e normal en calquera bar ou restaurante do país. En fin, sería bo transformar este proximidade á historia próxima pasada, para afianzar a próxima historia futura. Pero iso élles outra película. En fin, esta déixase ver ben. Orgullo de actores. Orgullos de nós. Vergoña de historia. Pero é a vida.

Te puede interesar