Opinión

Obscenidade, capitalismo, fútbol

Non sei se a palabra “obscenidade” virá como din uns do latín “ob caenum”, expoñer a inmundicia fóra, ou como din outros, da forma “ob scenus”, saírse da escena, do teatro da vida, do correcto. O que si sei é que o seu antónimo, a palabra “decoro”, ten que ver cun latino “decor”, beleza, encanto, graza, do que tamén vén decorar e decoración. O decoro decora, e a obscenidade lixa.

En calquera caso estou preocupado porque comportamentos obscenos, nada decorosos, na sociedade actual deixen de ser noticia. Despois falareilles diso. Despois.

A min gústame a sociedade occidental. A capitalista, máis concretamente. Con virtudes públicas e privadas. (Non me gusta a expresión “valores”, que logo todo ten un “valor” e se compra e se vende. Mellor virtudes.) Atráenme na historia as democracias como a inglesa que sostiveron a ollada limpa e a mente clara mentres enterraban, co corazón roto, os caídos nas guerras mundiais. Por iso aborrezo o capitalismo entolecido, ultraideoloxizado da Alemaña ou Italia daquela época. Ou tamén, o desaforado de hoxe en Rusia, China. Porque o capitalismo pode desvariar e pensar que o diñeiro é máis importante que a xente. Ou que é máis importante o beneficio que a natureza. Se así se comporta, se sacraliza o valor do beneficio ilimitado, do aproveitado sen límites e con xustificiación dogmática, se se perde de vista que o obxectivo de calquera sistema social debe ser a felicidade humana maioritaria, entón a cousa vai mal.

Ou sexa, creo que é unha obscenidade que media ducia de futbolistas cobren ducias de millóns de euros ao ano, aínda que produzan máis ao seu clube, e creo obsceno un sistema que potencia iso. E non sei se será aínda peor, un síntoma da perversidade dominante, que ninguén se achegue ao tema desde a crítica e que se aturen con normalidade os telediarios coa metade do tempo dedicados aos que xogan á pelota. Para min, que queren que lles diga, máis grave que enchufar nun traballiño modesto a un tipo que non sabe valerse ben por si mesmo, paréceme darlle medio millón de euros á semana a un mociño por enredar cunha pelota e facer del un deus de cartón. Si, os que sosteñen os loureiros sobre as súas cabezas debían dicirlle como en Roma: “Respice post te, hominem te esse memento” ou polo romance: “Mira atrás e lembra que só es un home”. Para que non escorreguen pola vida, como Maradona.

Si. Hai un grave problema de modelos. De espellos onde mirárense os mozos. En fin. Todo o que rodea o fútbol é unha obscenidade invasiva e asumida sen contestación. E preocúpame. Outrora os anticlericais queimaban igrexas, e agora uns paleoanticlericais están preocupados, vaia cousa, por unha misiña na tele no cedo da mañá do domingo. Aínda que nunca a vin, non me estrañaría que fose do menos malo da TV de hoxe.

En fin, se cadra os antisistema de verdade somos os ateos do fútbol-relixión, os que queimariamos sorrindo posters dos deuses do balón, do Madrid e do Barça, os que nunca entramos nos seus templos-estadios nin seguimos as súas misas-partido pola televisión. Inda que nolas queiran meter polos ollos na rúa. Agora, a verdade, incluso me apetece menos ir a Madeira que hai unha semana. Serei un bicho raro. Serei.

Te puede interesar