Opinión

Onde naceu Blanco Amor?

O normal é que haxa dous documentos que acreditan o lugar exacto onde unha persoa viu a luz: a inscrición no Rexistro Civil e a partida de bautismo. O normal é que nos dous coincidan os datos porque é bastante complicado nacer en dous sitios á vez para contentar ao Estado e á Igrexa. Pero Eduardo sempre foi especial. Así, no seu caso, non coinciden. No Rexistro Civil, aparece como nacido na rúa de Lepanto número 27. E nesa localización púxose no seu día unha placa que di: “Nesta casa naceu o 14 de setembro de 1897 o escritor e fillo predilecto de Ourense, Eduardo Blanco Amor. O Concello de Ourense, no segundo cabo de ano do seu pasamento, 1 de decembro de 1981”. A data moi próxima á morte de Eduardo podía ser indicador de certeza. Pero podemos lembrar que Eduardo sempre foi moi reservado sobre as circunstancias do seu nacemento. Mentía, incluso, no ano, porque, coqueto el, non quería ter nada que ver co século XIX. A partida de nacemento di que foi o día 13, bautizado o 15. Tamén hai dúbidas sobre quen foi o ser verdadeiro pai. O apelido Blanco hérdao dun personaxe menor; seica un borrachín saído da inclusa de Astorga, que traballaba como axudante na peluquería dun profesional de primeiro nivel, Eduardo Rey Custodio. A dicir de Otero, en La Región, en xaneiro de 1959 facendo lembranza dos seus anos de neno na rúa, a peluquería de “Custodio con sus lujos de terciopelos, espejos, perfumes y sillones, misteriosa química de cabelleras y barbas, público laboratorio de cosmética de las compañías actuantes en el Teatro de enfrente, fué llamada en letras de molde la ‘primera de España”. Estaba situada, exactamente, onde hoxe está o bar San Xes. Blanco Amor fabulaba na fin da súa vida, de que era fillo biolóxico de Custodio -por iso lle puxeran Eduardo- e que o seu pai nominal -co que nunca tivo relación e que axiña desaparece da súa vida- fose unha simple tapadeira do elegante e arrichado Custodio. Malo de comprobar e, a verdade, tanto ten xa.

Ben, o caso é que na partida de bautismo di que naceu na rúa da Paz, 27. Pois para desfacer a dobre adxudicación, nada mellor que ir aos padróns municipais e ver onde vivía a nai en setembro de 1897. E si, efectivamente, a Aurora Amor Fernández, de 28 anos, figura nesa data, vivindo na rúa da Paz, 22 (confundir 2 e 7, a man, é fácil), 3º piso, xunto co seu home, casados había poucos meses, Vicente Blanco, e os fillos do seu anterior matrimonio do que enviuvara, con Ramón Bóveda: Julia, Castor e Camilo. (Hoxe está alí, no baixo, a peluquería Tre Donne, entre o Cronómetro e Fina Rei.) Axiña deixan o modesto piso de alugueiro, evidentemente moi próximo ao local onde traballaba o pai e, se cadra, o posible biolóxico. 

E de onde vén a confusión? Pois supoño que a inscrición no rexistro sempre é menos persoal, feita ás veces por terceiros, e o bautismo é cousa máis familiar. En calquera caso, se a nai vive en Paz, 22, 3º, pois non parece que haxa moita dúbida. Outra cousa é que el non tivese lembranzas desa casa, pero si, claro, do barrio no que viviu de neno, porque sempre viviron preto, na rúa das Tendas 19 e 22 -nalgunha ocasión lembra como vía o David da Catedral desde o balcón da casa- e a nai tiña unha florería en Juan de Austria. En fin, outro escritor para esa “milla de ouro” dos próceres das letras ourensáns que é a rúa da Paz; aínda que el sempre foi outra cousa, e gustáballe marcar distancias cos “señoritos”. 

Te puede interesar