Opinión

Onde vivirán as musas

Leo con interese as reflexións de Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico, en La Región o domingo pasado. Canta razón ten cando di que hai un segmento de poboación que nin recorda que houbo Museo Arqueolóxico! O tango mente, non vinte anos, xa dezaseis anos son moito tempo.

E este peche do museo da Praza Maior que xa dura eses dezaseis anos é algo que nos enche, aos preocupados por estas cousas, dunha rabia e desacougo esvaído e raro, por falla dunha diana onde dirixila. Explica moi ben Xulio o entangarañado asunto administrativo -dependencia estatal, xestión transferida, permisos municipais...- e a fin da época expansiva -vacas gordas- na que se abriron museos novos como o de Mérida, León, etc.

Pero agora o único que nos debe interesar é a superación do estado actual. Por iso, as boas sensacións do director en canto á posta en marcha do proceso de licitación, adxudicación e obra, é de esperar non se vexan frustradas, unha vez máis.

Pero hai un parágrafo da entrevista que me resulta especialmente interesante porque, creo, é unha reflexión que debía acender algunha luz alí onde houbese capacidade de influencia para activar un proceso e facer do retraso do Arqueolóxico unha oportunidade para crear tamén, algo novo, útil e complementario.

Di exactamente o director do Museo: “Pero falta o referente, que é o Museo Arqueolóxico, ou tamén, que xa falei diso nalgunha ocasión, un Museo de Belas Artes onde non soamente se integrasen as coleccións do propio museo senón outras dependentes doutros organismos e nivel provincial ou local, e inclusive obras de coleccións privadas”. Efectivamente, lembremos que o vello Museo da Praza Maior integraba orixinalmente tres campos: Arqueoloxía -digamos os guerreiros castrexos como símbolo-, Belas Artes -digamos imaxinaría relixiosa ou Parada Justel, por exemplo- e Etnografía -podemos lembrar a cociña cunha inmensa lareira que alí había e cuxa cheminea sobrancea sobre a rúa Hernán Cortés-.

Esta última sección, esgazada do Museo, prendeu como Museo Etnolóxico de Ribadavia e ten xa boa vida de seu. Pero polo que se deduce das palabras de Xulio e das informacións públicas, o proxecto que hai para o da Praza Maior é para un novo Museo Arqueolóxico especificamente arqueolóxico, con tres liñas que sinala: historia da cidade, o propio edificio e a arqueoloxía provincial. Hoxe xa non cabería alí todo.

Ben, pois igual que podemos mascar chicle e subir escaleiras, debiamos teimar na apertura do Museo Arqueolóxico e ir deseñando, en paralelo, primeiro a arquitectura administrativa e intelectual, logo a física, doutro espazo imprescindible como ese Museo de Belas Artes de Ourense. Porque a nosa é a única cidade desta Terra que non conta cun museo específico de arte, e moito presumimos de artistas.

Non me custa imaxinar un Patronato no que estean a Xunta -co Arqueolóxico-, o Concello, a Deputación, Abanca -herdeira das obra artística da Caixa Ourense-, Fundación Quessada Blanco, Fundación Santamarina Temes e unha representación dos artistas vivos, para deseñar un proxecto común. E así cando se inaugure o Arqueolóxico, o outro que estea de camiño.

E nada me custa imaxinar que ese novo espazo se organizase ao redor do Claustro de San Francisco, xoia das belas artes, xa de seu. En fin, é triste que nesta cidade nin haxa nin se espere, nin reclame ninguén, este lugar específico de arte. 

Te puede interesar