Opinión

Os 155 de Europa

Efectivamente, ten razón o Pedro Sánchez cando di que todas as constitucións europeas teñen os seus 155. É lóxico que calquera organización (neste caso política e dun territorio) vele pola súa integridade. Desde unha visión estatista e legalista, que unha comunidade autónoma decida soa a súa desvinculación do resto, é como se unha provincia, digamos Ourense, nunha sobredose de ourensanía, decidise saír de Galicia. Ou un concello, digamos Vigo, constituír unha especie de Mónaco do Atlántico e de rei o novelista (publicou catro novelas) Abel Caballero I. Por iso, a maioría dos ordenamentos xurídicos estatais, en función das súas historias, teñen leis por se acaso. Velaquí uns exempliños.

Os galos comezan declarando no artigo 1 da súa Carta Magna: Francia é unha república indivisible, laica, democrática e social..., e dedícanlle o 16 ao que na nosa é o 155. Di exactamente: Cando as institucións da República, a independencia da Nación, a integridade do seu territorio ou o cumprimento dos seus compromisos internacionais estean ameazados de maneira grave ou inmediata e o funcionamento regular dos poderes públicos constitucionais estea interrompido, o Presidente da República tomará as medidas esixidas por tales circunstancias, previa consulta oficial co Primeiro Ministro, os Presidentes das Cámaras e o Consello Constitucional. Informará diso á Nación por medio dunha mensaxe. Ditas medidas deberán estar inspiradas pola vontade de garantir aos poderes públicos constitucionais, no menor prazo, os medios para cumprir a súa misión. O Consello Constitucional será consultado sobre iso.

Alemaña comeza cunha invocación ao divino: Consciente da súa responsabilidade ante Deus e ante os homes, animado da vontade de servir á paz do mundo, como membro con igualdade de dereitos dunha Europa unida, o pobo alemán, en virtude da súa poder constituínte, outorgouse a presente Lei Fundamental, e dedícalle os artigos 80 e seguintes ao tema. Así, no artigo 84, punto 3 dise: O Goberno Federal controla que os Länder executen as leis federais conforme ao dereito vixente. Con este fin, o Goberno Federal poderá enviar comisionados ante as autoridades supremas dos Länder co consentimento das mesmas e, en caso de negativa, coa aprobación do Bundesrat, tamén ás autoridades inferiores. E no 85 , punto 4, sinala: O control federal esténdese tanto á legalidade como á oportunidade da execución. Para ese efecto, o Goberno Federal poderá esixir informes e a presentación de expedientes e enviar comisionados a todas as autoridades.

A constitución de Italia, no seu artigo 5 comeza dicindo: A República, unha e indivisible, recoñece e promoverá as autonomías locais, efectuará nos servizos que dependan do Estado a máis ampla descentralización administrativa e adoptará os principios e métodos da súa lexislación ás esixencias da autonomía e da descentralización. E garda o 126 para o control superior: Acordaranse por decreto razoado do Presidente da República a disolución do Consello Rexional e a remoción do Presidente da Xunta que realizasen actos contrarios á Constitución ou incorrido en violacións graves da lei. Poderán así mesmo a disolución e a remoción ser acordadas por razóns de seguridade nacional.

E todas así. Ou sexa e dito con prudencia, a xurisprudencia comparada parece clara. A ver se se arranxan as cousas polas boas, aínda traza non leva. Un carro de sorte, ben grande, cómpre. Ou dous. 

Te puede interesar