Opinión

Os porcos de pé

Vicente Risco escribiu, como saben, “O porco de pé”. Trátase da novela máis ourensá de todas as novelas ourensás porque fai unha caricatura aceda, chea de sarcasmo, da ascensión social dun comerciante inmigrante nestas terras ata chegar a ser alcalde. Píntao con trazos tan grosos que di, por exemplo, “que se lle abrisen a cachola, que tiña que ser cunha picaraña e un pau ferro, en vez de sesada habían atopar un unto”. O caso é que nesta novela as referencias á cidade, físicas e sociais, son constantes e incluso había personaxes recoñecibles no seu tempo. Moito máis que en “A esmorga”, pois a historia dun borracho marxinal perante o seu destino podería acontecer en calquera outro lugar, sen que importase moito o escenario. “A esmorga”, con todo, é mellor novela, pero menos ourensá. O que está claro é que don Vicente non se centra na falla de hixiene e de comportamento cívico do protagonista, senón na pura ignorancia primitiva do home. E eu pensaba nestas cousas no meu paseo matutino do día 22 polas beiras do Miño, porque topei restos da actuación de porcos bravos, e porcos de pé, tamén, supoño, bastante bravos. Da familia dos suídos -de onde lle vén o nome á serra que cruzamos para irmos a Pontevedra, por exemplo- había mostras na herba fozada polo xabaril ao pé do desusado hórreo ao lado da Ponte Vella. Como estes estragos se reproducen, sistematicamente, na zona de chegada ao Tinteiro, pensei que sería interesante agardalos e matalos e comelos en plan banquete de Astérix e Obélix na Praza Maior. Unha nova modalidade sería esta de “caza urbana” ou “periurbana” rematada en festa gastronómica.

Tamén vin, e preocupáronme máis, os restos deixados polos porcos de dúas patas, da familia, seica, Homo sapiens sapiens. Xusto ao remate da pérgola do final -ou do comezo, segundo se mire- da Pasarela do Vao, había un escenario e unha barra da “festuqui” oficial da noite anterior. E desagradoume, aínda que non me sorprendeu, o grao de incivismo dos bebedores participantes. A zona, desde o muro do “malecón” do río ao o chan desa zona, estaba estrada de botellas cervexa, botes de cervexa, botellas de viño, botellas de ron, botellas de güisqui, botellas de xenebra, latas de cervexa, latas de bebidas enerxéticas, vasos de plástico, restos de bolas de plástico de supermercado de Froiz, de Gadis... Había, incluso, uns restos que tiña certa composición plástica como “bodegón” por riba do muro do río coa luz do amencer. Ao lado, sorpresivamente, había papeleiras medio baleiras, ou sexa tamén medio ocupadas por restos depositados por exemplares de sapiens en estadio evolutivo ou educativo superior. Non sei como nestas concentracións non poñen bidóns para o lixo en puntos estratéxicos da festa, e persoal armado -de razón, polo menos- indicando a obrigatoriedade do seu uso. Non me parece mal o botellón, pois que se compren as bebidas onde sexan máis baratas e consumilas en espazo público é un dereito do consumidor, pero entre eses dereitos, non lembro que figure o de ser un marrau bípedo e ir emporcando o espazo común. Igual que traen as bolsas coas botellas, que as leven de volta ao contenedor, que ademais pesan menos ao final. En fin, hai que insistir en que unha cidade moi limpa non é a que se limpa moito, senón a que se mancha pouco. Como unha casa. E aí, temos todos que ver máis do que pensamos. 

Te puede interesar