Opinión

Pacíficamente, o pacífico

É posible, querido lector, que  vostede se anda de vacacións, estea este martes gozando dun día de sol á beira do mar. É posible que vexa contra a fin da tarde como o sol se mergulla na auga. Eu tamén. Verei unha posta de sol semellante á que poderiamos ver desde Saiáns, cunha cervexa na man, coas illas Cíes ao fondo, ou desde unha terraciña de Oia, coa corda frouxa do horizonte moito máis próxima do que pensamos. Calculando os que entenden destas cousas co teorema de Pitágoras e os datos do tamaño do globo terráqueo, din que sentados na praia, á beira da auga, o horizonte está a só 3 quilómetros e medio; e na parte de arriba, na area seca, baixo a sombrilla, digamos a 3,5 m. sobre o nivel do mar, o horizonte está a só 6,6 quilómetros. Por iso, porque obviamente se gaña distancia en altura, é polo que os faros son elevados e están empericoutados a media ladeira, como o cabo Silleiro, a uns 85 metros sobre o nivel do mar. Así, moito mellor,  pois teñen o horizonte a 44,44 kilómetros. 

Dicíalles estimados lector e lectora que eu, dentro dunhas horaiñas, se non hai novidade especial, estarei vendo esa posta do sol na auga, pero no outro cabo do mundo ou case. Ou mellor non. No noso, lonxe, pero sen saír do noso. Explícome, estoulles nas costas do Pacífico chileno, non na illa de Chiloé,  que se chamou “Nueva Galicia” e que está chea de toxos levados no s.XVII por galegos que non topaban con que facer estrume para as súas vacas, senón en Valparaíso. E dígolles que non saín do noso e digo ben. Se vostedes cruzan os catorce quilómetros do estreito de Xibraltar chegan a outro mundo: comidas, lingua formas de ver o mundo, pouco se parece a nós. Pero se un anda catorce horas de avión e baixa en Santiago de Chile, baixa na casa.  Porque onde teñen unha fala nosa, alí está parte da casa. Case é igual que sexa en Río ou en Salvador de Bahía e teña un que espabilar a orella co seu portugués, como que sexa na Habana en Valaparaíso. Si, a primeira división do mundo é entre os sitios onde nos entendemos de forma natural e os que non. 

Desde logo a xesta histórica das expansións portuguesa e española nos séculos XV, XVI, non ten parangón, vista cos ollos de onte e de hoxe.  Uns pouquiños atolados españois conquistaron América e os netos deses españois independizarona, porque alí construíron universidades, catedrais, e crearon estruturas administrativas, e cruzáronse coas indíxenas, desde o primeiro día. Por iso, nun comezo, logo da independencia, falaron propios e alleos, sempre das “repúblicas españolas de América”. Termo que usa, por exemplo, o vizconde Chatobriand, cando explica no seu libro “Viaje a América” esta historia sinalando a poboación daquel momento (1844) como composta por  2.937.000 blancos, 5.518.000 mulatos e negros, libres e escravos, e 7 millones de indíxenas. Total, algo menos de dezaseis millóns de habitantes, como a poboación de Buenos Aires ou deste Chile amado.

En fin, hai vinte e nove que estivera aquí e non voltara. En primeira impresión topo todo cambiado para ben. O mundo, desde logo, aquí e alá nada se parece ao daquela. Todos viaxamos sempre, aínda sen saír da casa; viaxamos no tempo, o periplo verdadeiramente importante para cada un de nós. 

Te puede interesar