Opinión

Paco Lores, entre outros

Estamos no solpor biolóxico da emigración á Arxentina. Desde finais dos cincuenta secou o río dos que marchaban. Os dirixentes e amigos das sociedades de emigrantes galegos cos que tiña trato nos oitenta, morren, pouco a pouco. Primeiro foi Bieito Abraira, secretario de Castelao, “rapaz dos mandados” dicía el -aínda puiden irlle ao enterro na Chacarita-; logo Bieito Cupeiro, republicano das terras de Fene que viñan ás miñas clases por oír falar de esperanza; e Pepe Andrade, dirixente conservador do Centro Galicia que me veu buscar ao aeroporto. Axiña Fernando Iglesias “Tacholas”, o noso actor universal. Logo foi o dono do café Breogán, que choraba porque non comprara o Hotel Parque de Ourense cando tivo a oportunidade; seguiuno Rodríguez, o saudoso bibliotecario do Centro Galego, igualciño a Astérix namorado; despois o polifacético Arturo Cuadrado, vaídoso e ligón ata a morte; tamén Manuel Cordeiro, artesán dos diplomas e agasallos para visitantes e celebracións; Victoria, a súa muller, profesora de galego afeccionada na mellor das tradicións porteñas, alumnos que foran entrambos de Blanco Amor; Manuel Arcos Valcárcel, amabilísimo dirixente do Centro Galicia que tiña unhas tarxetas coa inicial do nome e os apelidos coa que teño rido co amigo Marcos; Chiquito Garcia Melle, presidente e modernizador do Centro Galicia, comprensivo e colaborador cando cheguei eu alá ben novo. Nos últimos anos aceleráronse as desaparicións. Dous amigos, tres, catro, das Mocedades Galeguistas: Ricardo Palmás cosmopolita, morador en Londres e Salou a quen a morte sorprendeu en Lisboa; a entrañable Cloty “Tacholas” que parara na miña casa un par das veces que veu a Galicia; Antonio Pérez Prado, médico humanista, divertido e simpático que, diminuído pero listo, ocultou non recoñecerme a derradeira vez que estiven na súa casa de Bos Aires, en 2010; e cuarto, xa en Galicia, o grande Pepe Neira Vilas. Tamén Adolfo Lozano, activísimo viaxeiro e cicerone de nós alá e deles acá. En fin, en Ourense, de volta de éxitos porteños, morreu non hai moito Pepe Fechorías, da Arnoia, que marchou para o alén, sen que os que, convidados, comemos, bebemos e rimos no seu restuaurante lle fixesemos a homenaxe merecida.

E este xoves marchou, tamén, Paco Lores. Presidente e anovador da histórica Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina. Como saben, e se non dígollo, en Buenos Aires había un Centro Gallego que era, é, fundamentalmente, un hospital; unha multitude de centros de base local que se foron agrupando nas últimas décadas ao redor dun moderno Centro Galicia -o patrocinador do Colexio Santiago Apóstol– mentres outras xa se agruparan de vello ao redor dunha Federación fidelísima ao republicanismo español en Arxentina ata os anos oitenta. E Paco Lores soubo conxugar esta acrónica lealdade espiritual cunha cordial relación coa nova realidade institucional democrática. E soubo aguantar o tipo fronte ao boicot ultraesquerdista cando en 2003 convidou ao presidente de Galicia -era Fraga - a visitar a Federación. O seu impulso ao Museo da Emigración no seo da Federación é outra das moitas cousas do seu haber; aínda que, se cadra, a principal, e da el estaba tan orgulloso, é a súa filla Lorena, unha artistaza galaico-arxentina, devota de dúas cousas que seu pai tamén amaba, o tango e Galicia. Cando o topei a el na Insua dos Poetas o ano pasado, mal sabía eu que sería a última vez que lle dera unha aperta. Que a terra che sexa leve, Paco Lores. Ata sempre, “Comandante”.

Te puede interesar