Opinión

Patrimonio inmaterial básico

Máis dunha vez temos dado voltas ao redor da diferenza entre o patrimonio material -unha muralla, un castro, unha virxe románica- e outro, o inmaterial, que é ben máis difícil de protexer porque non ten existencia física; isto é, porque só vive nos pregues da memoria e nas actitudes, sempre cambiantes, de cada un de nós. Por iso, cando falamos de patrimonio inmaterial, pensamos en lendas, contos, villancicos, e tamén en costumes ou tradicións, en fin, todo cousas que non se poden ver nin apalpar. Así, cando viaxamos, ou aínda que o fagamos só vendo a televisión, reparamos facilmente nas cousas materiais, pero as inmateriais, loxicamente, son máis difíciles de captar e moito máis fácil de que se perdan. Dentro deste patrimonio non físico, hai un cuxa perda é especialmente desacougante para min: a boa educación.

Si, señores. A boa educación é o patrimonio máis útil, máis rendible, e que máis inflúe na percepción que teñamos dun país. Lembro uns carteis nas estacións do DART, o tren que percorre a costa oriental de Irlanda, que aconsellaban tratar amablemente aos turistas, porque, en calquera caso, cada irlandés era o mellor embaixador do seu país sen saír del. E si. Globalmente son unha xente encantadora e a boa educación pouco ten que ver coa educación académica boa. É é algo difuso que nos empuxa a tratar de vostede á xente coa que non temos confianza, a cedermos o paso nas portas, a sorrirlle aos descoñecidos nun ascensor, a facilitar a manobra do condutor que está saíndo do garaxe, a tratar de desculpar os pequenos erros alleos como se fosen propios, a non berrar como posesos para chamar a atención, a vestir e comportarse adecuadamente a cada contexto, a non estar queixándose sempre e permanentemente por todo de formas radicalmente hiperbólicas, como se tivésemos a solución máxica e incuestionable para todos os problemas do mundo. En definitiva a persoa educada trata, inercialmente, de facerlle a vida máis agradable aos que o rodean. É bo vivir entre xente educada.

En fin, un detalle. Aí atrás, hai un ano estiven por terras chilenas e sorprendeume que todos os mozos e mozas nos autobuses e no metro estivesen sempre buscando coa mirada a quen cederlle o seu sitio. E pensaba na dignidade nos rostros das persoas pobres que se trataban de gañar a vida ofrecendo servizos minúsculos ou produtos básicos -botellas de auga mineral, bolígrafos ou o que fose- ou cantando no transporte público, sen ningunha agresividade nin asomo de medicidade. E pensaba, incluso, na diferenza coa circulación a pé pola miña rúa, Samuel Eiján, que canto te topas de fronte cun grupo de adolescentes que van ou veñen do centro comercial, xa sabes, debes cederlle o paso para non ser arolado. Pero nada disto se ensina, nin se pode ensinar, nin se debe ensinar, nos centros de ensino. Iso sería externalizar unha responsabilidade que é familiar ou da tribo. Pero se a familia coxea, se a tribo -a comunidade- deixa de ter a cohesión para facelo, pois a cousa ponse mal. Por que explicar que non se deben facer pintadas nin borranchos nas fachadas? Ou que hai que termar dos nenos pequenos para que non molesten aos demais? Está tan mal a cousa para que haxa que explicar iso?

Creo que ao final, os que van ter éxito na vida, van ser as persoas con boa educación, que se saiban tratar aos demais, empatizar coa xente e comportarse ben en calquera circunstancias. O coñecemento memorístico do dato cada vez importa menos. Está todo na rede. Menos a boa educación.

Te puede interesar