Opinión

Peliqueiros de Coruña e mariñeiros de Xinzo

Como? Que non hai peliqueiros na Coruña nin mariñeiros en Xinzo? Parécelles? A min tamén, pero... Ou unha de dúas, ou o imperialismo e os “imbéciles” de que fala o himno galego e que tanto gustan de evocar retoricamente algúns, borraron as trazas todas dos peliqueiros que había por Galicia e dos mariñeiros de Xinzo, ou nunca os houbo, porque Galicia é plural.

Eu, sinceramente, creo que debe ser segunda opción. Si. Galicia élles un lugar ben variado para o pequeno que é. Non só no clima, e iso, desde esta cidade forno, non precisa moita explicación, pero tamén nas paisaxes, nas formas de ser, nos costumes, nos traballos... É máis, creo que un dos nosos rasgos definitorios do noso devir histórico é a pluralidade. Hai zonas onde a tensión da revolución industrial, como Vigo ou Ferrol, estivo presente ao longo de décadas; zonas onde o vínculo coas administracións xerais fixo cidades case funcionariais, como Coruña; cidades de marcado matiz relixioso, como Santiago; cidades nucleares de terras agrícolas, como Lugo... Variedade en destinos de emigración... Os de Bande en Francia, os de Muiños en Barcelona, os de Chaguazoso en Chile, os de Avión en México, os de Ribeira en Nova York, como os de Ramirás... E variedade de ocupacións extraagrícolas: os de Parderrubias, curas; os de Nogueira de Ramuín ou Luíntra, afiadores...

E a ninguén lle estraña que o pulpo sexa comida típica do Carballiño, a langosta da Guarda, as filloas de caldo de Coruña e as de sangue de Ourense. O que dixen, sabemos que Galicia é ben variada. E que se en Ourense facemos magostos, en Coruña e Panxón fan fogueiras de San Xoán. Si. Galicia é diversa. E do mesmo xeito que non imos querer estender por toda Galicia os piliqueiros, os felos, os cigarróns, os boteiros, non parece razoable tampouco facerlle a competencia ás alfombras de flores de Ponteareas tratando de facelas en Trives, por exemplo, ou en Ferrol. E como Galicia é plural pois non debemos tratar de espallar un residuo dun costume local courelao -o Apalpador- por toda Galicia como se nalgún momento fose algo xeral. Os que tratan de facelo, teñen en mente a aldea de Astérix. Pensan que só no recuncho máis afastado se poderían gardar as esencias da puridade primixenia. E nada diso. Unha cousiña tremendamente local, intrascendente, non se pode establecer como norma para o conxunto, coa única intención de crear unha figura exclusiva e borrar case dous mil anos de tradición. A nosa cultura popular non é algo illado, forma parte dun conxunto amplo e plural, a cultura xudeo-cristiá occidental. E dentro dela, das terras do sur de Europa e da Europa atlántica. E comparte con Irlanda e Bretaña os cruceiros, e cos pobos da península Ibérica e da súa proxección americana, a festa dos Reis Magos. E con Portugal, o feito de “cantar os Reis”. (Cantámoslle os reis do kikirikí, se non nos dan nada... saben como segue, non?) En fin, no noso entrambalicante canon cultural, ese costume de cantaren os reis os nenos e apañaren algunha propina, si que está ben ameazado e cumpría facelo renacer antes de andar inventado trapalladas. En fin, que veñan os reis esta noite, cargados de cousas boas para todos... e para os que non se portaron ben, pois carbón... de azucre. Felices soños. 

Te puede interesar