Opinión

Pincho moreno e aparcadoiros alegais

Len ben. Moreno, non moruno, porque para iso, se cadra estaba mellor usar a forma galego-portuguesa -aínda que nós non a usemos moito- de “espetada”. Non me negarán que “espetada” é moito máis evocador de carne cravada -espetada- nunha variña de pau ou de metal, que a expresión “pincho moruno” ou incluso que a moderna e afrancesada “brocheta”, parenta de broche por lexema de evocación puntiaguda e de servilleta ou biclicleta por sufixo. En fin, deixemos as espetadas non sen lembrar que as dos mouros -morunas- son sempre de año ou vaca pois co marrau xa saben o problema que teñen mouros e xudeus.

Ía co xogo léxico de “pincho moreno” porque o outro día, nunha praia calquera da nosa costa, cando voaban as sombrillas e andaban ós tumballóns entre persoas adurmiñadas, á raxeira, boca abaixo, ignorantes dos perigos que axexaban, unha rapaza, coa imaxinación e retranca aposta aos indíxenas, comentou que estivera a punto de haber un “pincho moreno”, ao ver como case se espetaba o pau dunha sombrilla sobre as costas morenas, dun home ou muller, que para o conto tanto ten. 

E si. Habitualmente están a piques de suceder moitas cousas malas que logo se solucionan de seu, sen unha intervención arbitral da autoridade que moitas veces, no exceso, contradí o principio esencial da política: que a solución dun problema non cre problemas maiores que o problema orixinal.  Así, cando zoa o vento na praia, sempre hai algunha alma caritativa que se ergue e pecha as sobriñas sen dono por ausencia motivada por paseo ou urxencia gastronómica ou de calquera outra índole, ou que a prega e deixa sobre a area ou devolve ao dono que corría tras delas avergoñado da súa impericia cravadora. 

Ademais, certamente, escasos deben ser os casos das persoas que teñen pasado por urxencias cunha sombrilla espetada nas costas. Máis ben creo que ningún, porque o que daría de si o tema nos informativos de veráns, a bo seguro non me pasaría despercibido. 

En fin. Este verán padecín o problema de aparcamento en Sanxenxo. A cousa, como poden supor, é engedellada, pois trátase de matemáticas puras: os metros lineais de coches de veraneantes son ben maiores que as prazas de aparcamento existentes. Solución? Municipal legal ningunha. Desorbitantes multas recadatorias e restrición de áreas de aparcamento permanente por rotación cada noventa minutos. Por que digo municipal legal? Pode haber “municipal non legal”? Evidentemente; senón a cousa non funcionaría: promoven, centos de prazas, usando a expresión castelá recollida pola RAE, de estranjis. O aparcadoiro que existe por tras da Igrexa nova de Sanxenxo, non ten ningún sinal azul cun  “P” grande nin pequeno, ningunha infraestrutura, e nunca xamais se viu pola zona ningún policía local. O único que ten é unha poirenta superficie con catro árbores aquí e acolá onde caiben uns 200 ou 300 coches. E como funciona? Por inercia da boa xente con problemas idénticos: a ubicación sábese de boca en boca, organízase de seu, seguindo a lóxica de aproveitar ao máximo o espazo co “aparca con orde, onde poidas, como poidas, e sempre deixando saída franca aos xa aparcados”. Igual que nas beiras das estradas preto das praias ou nas festas. E a autoridade, loxicamente, a facer a vista gorda e permitir que as cousas funcionen. Que ninguén regulamente o fondo que hai que cravar o pau da sombrilla, por favor.

Te puede interesar