Opinión

O PPartido de Galicia

O outro día vin un cartel simpático. Era dun grupo pequerrechiño da ultraesquerda comunista (PCPE) e dicía “Eles ou nós”, o que se prestaba a contestar “eles, eles”. E así foron as eleccións, máis ou menos como se pensaba. Gañou Alberto Núñez o referendo, ou sexa unhas eleccións centradas na súa persoa por el, e picando no anzó, polos demáis. Como dicía, simpático, nun mitin: “A xente ten liberdade de voto: Pode votar ao PP ou a min, Alberto Núñez”. Máis alá do chiste había certa retranca. Alberto Núñez en todo momento xogou á mímese co seu pobo, non quixo paracaidista ningún, aínda que todos sabían que era o candidato do PP. Os poucos ministros que viñeron andaron sós por aí, e o presidente do goberno central, -quería vir, claro- logrou mitinear nunha “primeira praza” como Avión. 

En fin. Coa vitoria do PP nas sete cidades máis grandes de Galicia (tres delas gobernadas por Marea, tres polo PSOE e unha polo Bloque, e só a nosa polo PP) e coa vitoria arrasadora no rural, confírmase que o PP é o partido transversal co que se identifica a maioría dos galegos de forma case permanente, igual que o PNV no País Vasco. Digamos que é, dalgún xeito, o Partido Nacional Galego.  E debemos consideralo así, para entender as claves do seu éxito. O referente histórico do PP é Fraga, o actual en España é Rajoy, e en Galicia, Alberto Núñez, todos tres galegos pertencentes a un partido que saíu desta terra e se estendeu por España. Cando Fraga usou aquel lema de “Galego coma ti” estaba dando unha clave política permanente no futuro do PPG. Nin máis nin menos galego ca ti. Non che vou rifar se non queres a independencia. Eu tampouco, son galego e son español. E orgulloso. Ou se non che gusta o galego dos escritores. Eu, coma ti, e falo peor porque estiven fóra, pero fago o que podo. Para ben e para mal, son xente do común. Podo meter a pata. E igual que Fraga, Núñez triunfou fóra antes de vir a dedicarse a Galicia. E os galegos, seica, agradeceron esta volta. E entenderon esta vez a boa cara que puña Feijoo ante o futuro e non querían desacougos como en España. En Galicia, sorpréndense os bancos, é o lugar onde menos impagados hai. A xente, aforradora, non quere deber nada. Estamos afeitos a emigrar e apertar o cinto, e salvo na mesa, somos austeros. Así, é moi difícil que o galego se fíe de discursos apocalípticos sobre os recortes, porque, maioritariamente, entendeos.

En fin, o único que houbo no fondo foi unha reafirmación da vitoria popular e unha recomposición da oposición. Os mesmos escanos pero repartidos doutra maneira. En vez de 18-9-7, pois 14-14-6. Simpáticos, tamén os discursos vitoriosos desde os 14 de Marea ou desde os 6 do BNG. O PSOE de Galicia, perdeu , e só se podería consolar pensando en que no País Vasco foi peor. Pero o consolo de Democracia Ourensana é aínda máis difícil. En fin, que fagan as cousas cos maiores acordos posibles, e a traballar, a construír. E que se lembren de Ourense.

Te puede interesar