Opinión

Promoción laboral intensa

Sempre que se fala da promoción laboral pénsase no natural e lóxico que nos dá o étimo da palabra: moverse cara adiante na carreira profesional de cada un. Ou sexa, tratar de ascender por preparación, mérito e esforzo a maiores niveis de responsabilidade e salario. A promoción persoal, como laboral, deportiva, política ou de calquera outra faceta da actividade humana, é imprescindible para que a sociedade avance. As ansias de facer as cousas mellor, de ser mellor, de ser máis útil á xente -entre a quen non se exclúe, obviamente, o propio individuo e a súa familia- son un dos combustibles principais do progreso. Todos queremos o máis e o mellor para o noso país, para a nosa cidade, para a nosa xente, para os nosos, para nós mesmos; o contrario sería evidente necidade.

Claro que, no estado social avanzado que temos -ou sexa, moitos servizos, moitos impostos, moita igualdade nos tratos humanos e moita semellanza dos salarios, moita liberdade cívica e persoal, moita posibilidade de aproveitar para o benvivir os espazos de ocio e lecer que nos proporciona o colectivo- é cada vez máis complicado topar xente que se comprometa con este evidente esforzo e exposición pública que conleva o exercicio de responsabilidade sociais, e tenda a desexar refuxiarse no ámbito máis privado da vida cunha reflexión tan simple como profunda: non paga a pena o esforzo.

O desaparición do recoñecemento, o cuestionamento social permanente das xerarquías intelectuais e do exercicio das responsabilidades, o escaso respaldo dos poderes aos que un serve, a banalización da protesta ou reclamación máis alá da razón ou o sentido común, o cuestionamento e a actitude contraria, per se, a todo o que emane da autoridade -científica, técnica, social, política- contribúe, efectivamente, a ese repregue progresivo: non merece a pena o esforzo.

Nestes tempos de seguridade e accesibilidade aos temas trascendentes -saúde, educación, orde-, nestes tempos de desacougo intelectual ante a evolución da sociedade ultracomunicada, ultraglobalizada e pouco reflexiva, nesta sociedade na que só parece interesar o espectáculo de baixo nivel, o dito en menos de 144 caracteres, nesta sociedade de vivencias planetarias accesibles, efectivamente, hai xente, bastante xente que desexa a promoción laboral inversa. En vez de devecer por estar entre as elites rectoras, digamos da función pública, desexaría chegar a postos máis básicos, porque existe a percepción de que é moi posible ascender en calidade de vida baixando o nivel de responsabilidade. Efectivamente, nada se cuestiona, nada se pode cuestionar da actividade laboral dos de abaixo, é politicamente incorrecto, e teñen moitas bendicións, non sei se maioritarias, dos axentes sociais dominantes. Por arriba, todo, absolutamente todo, se pon en tela de xuízo sempre e desde calquera punto e calquera nivel de preparación ou ignorancia. O exercicio do mando e da dirección, inherentes á maior responsabilidade, son moi complicados de exercer nesta confluencia de demagoxias e soidades. Por iso, é fácil de entender que cada vez máis veces, máis xente pense en tirar a toalla do colectivo e dicir, simplemente, non paga a pena. 

Te puede interesar