Opinión

¿Público ou privado? Pfffffffff

Alá por 1987 pasei sete meses na Arxentina. Poucas cousas funcionaban. O teléfono era do peor. As chamadas non entraban, cortábanse e mesturábanse. Un día, xúrollo, cruzouse coa miña unha na que unha moza lle pedía a unha amiga prestado o seu “pibe” para un revolcón. “Andá... vós lo tenés todos los días...”. E a xente preguntábame se en España a compañía telefónica era pública ou privada. Eu contestaba: non sei, pero funciona. E a verdade, creo que a idea de que só o que é xestionado por unha administración é público, non ten tanta base como pode parecer. Usamos as palabras segundo conveña. Se falamos, por exemplo, do transporte público, pensamos no tren, nos buses, nos avións, etc. Pero, normalmente, son compañías privadas. Os bares? Seguramente non hai nada máis público que as privadas terrazas dos bares. Así a cousa, vemos que o concepto de público está, de feito, ligado a que dea satisfacción ao público máis que a posibilidade de que o dono da empresa sexa unha administración e teña aí traballando funcionarios. Creo que á maioría, o que nos interesa é que as cousas estean ao servizo común, sexa dunha propiedade ou doutra. Ademais, non vexo oposición senón complementariedade. Mesmo sanidade pública e privada, ensino público e privado, son compañeiros e competidores, de xestión distinta, fronte á enfermidade e o analfabetismo reinante. Si. Público e privado son realidades moito máis mesturadas e interdependentes do que pensan os que ven o mundo en branco e negro. E fágolles unha pregunta, é máis público o Mosteiro de Santo Estevo de Rivas de Sil, privado e visitable, ou un mosteiro usado por unha institución docente, só aberto en horario e calendario escolar? Para min, máis público é o lugar onde máis público e a máis horas pode acceder.

E o problema da enorme riqueza patrimonial a xestionar debe estar presente nestas reflexións. É imprescindible rentabilizar o seu uso, porque doutro xeito non hai cartos que cheguen para frear o paso do tempo. Así, penso nos mosteiros de Santa Cristina, Trandeiras, Xunqueira de Ambia, Xunqueira de Espadanedo, Montederramo, Xagoaza, Melón... ou nos castelos de Ribadavia, Castro Caldelas, Monterrei, ou nas torres da Limia... Pozos de cartos, só para que non acaben de caer de todo. Ou sexa, considero máis público San Clodio no Ribeiro, que Trandeiras, caído. Ou o castelo de Maceda –concesión privada nun concello de esquerdas- que a torre de Pena. Porque San Clodio ou San Estevo de Rivas de Sil teñen a súa alternativa de vida sostible e son visitables sen que lle custe un can aos cidadáns o seu goce, e aínda poden tomar un cafeciño ao sol da súa galería. Non lle vexo mal ningún por moito que mire. As desamortizacións do XIX tiveron a intención de sacar bens de “mans mortas” e poñelos no mercado para reunir cartos para facer os ferrocarrís e construír a estrutura do Estado. E hoxe, non vería mal sacar os monumentos “mortos” públicos viables e xestionar eses espazos para usos diversos (hoteleiros, residenciais...) de xeito tamén privado con servizo público e espazos de interese visitables.

Xa me gustaría a min que no cuartel de San Francisco se tivese feito un parador tipo Reis Católicos en vez de chegar ao que chegou. Ben mellor para a cidade, desde logo.

Te puede interesar