Opinión

A RAG en Ourense

Na Real Academia Galega non hai nin debe haber cotas nin favoritismos territoriais. A min, polo menos, cotas e favoritismos non me gustan. Sexan por procedencia, sexo, relixión, color de pelo ou calquera outra circunstancia secundaria. Por iso creo que na RAG deben estar os que deben estar. Obviamente non só literatos e lingüísticas, que para algo non é “academia da lingua” e foi presidente non hai moito Xosé Ramón Barreiros Fernández, historiador de prestixio pero que de lingua, a verdade, especialista non era. E punto. Ora ben, é certo que na historia da RAG endexamais houbo tan pouca presenza de xentes de Ourense. Na actualidade como nos lembraba o outro día neste xornal o amigo Xabier Blanco, hai 28 académicos de número dos que cero son de Ourense. E dos últimos catro relacionados con Ourense que por alí andaron (Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero, Carlos Casares, Xosé Fernández Ferreiro) ningún residía entre nós desde hai décadas. Mortos Casares, Ferreiro, fóra da Academia Ferrín, só permanece Alonso Montero, de vocación ourensán, aínda que nacese en Vigo. Pero non só é un tema de nación, de onde se produciu o parto do académico, senón un tema de vida e traballo, de inserción no medio. Vexamos, Alonso Montero nunca viviu en Ourense, aínda que vén con frecuencia. Ferrín marchou a Pontevedra cos pais nos anos corenta. Carlos Casares, de seu, nos setenta. Por iso, realmente, desde o solpor biolóxico dos homes de Nós e do seu grupo de epígonos -Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo, Taboada Chivite, Olga Gallego- Ourense non contou con membros que traballasen desde a cidade ou provincia en temas de cultura. A marabillosa poeta Chus Pato, que, como saben, está esperando para ler o discurso de ingreso, é ourensá excelsa que leva vivindo décadas fóra de Ourense e sen especial relación na actualidade coa vida e pulsión diaria das Burgas. 

Ben. Ata aquí falamos de membros de número, deses vinte e oito actuais, pero agora vexamos que acontece cos 54 académicos “correspondentes”, que, como saben, é unha especie de segunda división, de “colaboradores”, na que están persoas que poden vivir fóra de Galicia, cousa que non lles pasa aos de número. Cantos deses 54 son ourensáns? Catro. E deses catro, tres viven fóra. A saber: José Luís Varela, en Madrid, e Clodio González, de Cenlle, en Santiago, Luís García Mañá, en Coruña. O único que vive entre nós é o poeta Victor Campio Pereira (ingresou en 2011) e que, dalgún xeito, veu substituír a Marcos Valcárcel, que era o único “correspondente” auriense de vivencia, aínda que méritos tiña sobros para ser “de número”.
Ou sexa, na actualidade, dos 82 académicos entre numerarios e correspondentes, só un gasta as solas dos zapatos na rúa do Paseo. Se cadra é de xustiza que sexa así, pero teño dúbidas. En fin, como a RAG é unha corporación e, daquela, celosa das insinuacións ou achegas que lle quixesen facer desde fóra, eu non sinalarei a ninguén, aínda que poida pensar, cando menos, en media ducia de persoas da cidade e provincia. O caso é que sempre houbo unha relación curiosa a de Ourense e a RAG. No seu leito de morte, Valentín Lamas Carvajal, socio fundador pero que nunca chegou a vela, ironizaba sobre a súa inminente entrada na Academia dos Mortos, e Eduardo Blanco Amor, elixido demasiado tarde, en 1972, nunca chegou a ler o discurso de ingreso. Será que Coruña queda lonxe. Será.

Te puede interesar