O rapaciño de onte e o referendo de mañá

O rapaciño de onte e o referendo de mañá

Era o luns vinte de novembro de 1985. Viña eu de traballar e estaba contento. Á hora de comer, o telediario posto na tele. Daban as noticias, “o parte” que dirían os vellos que viviran a guerra e os seus ecos. Daban un reportaxe sobre o defuntísimo de había dez anos. O reporteiro, de gabardina e bigote, preguntaba. A maioría daba relatos distantes, de desagrado. Algún non, claro. E vai á entrada dun colexio de meniños. Agachándose, pregúntalle aos cativos que naceran, precisamente, en 1975, se sabían quen era Francisco Franco. Eran cinco. Todos puxeron cara de estrañados e miráronse entre eles. Acenaban que non coas cabeciñas... pero un, máis esperto cós outros, dixo en voz alta “Ah. si. Yo sé”. Os demais ollárono con envexa; coñecíase que era o listo e nunca fallaba. -Y quien fue?- insistiu o reporteiro. Todo cheo de razón, colleu aire o rapaciño e contestou -“El que descubrió América”. Os outros mirárono admirados.  -Que listo!- dixo un. Riu o reporteiro. Eu sorrín e fun á neveira a por un “benxamín”. E brindei co cava erguendo a copa ao televisor, á saúde daquel rapaz que me acababa de alegrar, aínda máis, o día. Iso é, precisamente, sen sabelo verbalizar, o que eu desexaba: que aos nenos pequenos nin lle soase o nome daquel individuo. E punto. Punto final. Chin-chin.

Pois ben, despois as cousas deron moitas voltas e reviravoltas. E como as momias de Exipto, houbo quen o puxo de novo de moda. Que se Franco tal, que se cal. A verdade é que levo trinta e cinco anos dando clases  e vexo que esta reintoxicación non vén de vello. Si de cando teñen máis voz os que non viviron naqueles momentos nin nos ilusionantes da transición.  Franco deixou de ser o obxecto de cantigas infantís por ter o “culo blanco que lava con Ariel”, igual que o conde de Marlbrough -dito Mambrú-  “que se fue a la guerra, mire usted, mire usted que pena”- e resucitou no interese enfermizo dalgúns que procuran xustificacións de todo no máis alá, fuxindo das responsabilidades propias dos que vivimos no presente.

E téñano claro vostedes, pase o que pase mañá en Cataluña. Ninguén pode invocar ao defunto ferrolán, nin ao seu exemplo nin á súa escola. Nada ten que ver con isto. Os únicos que teiman no fascismo son os autodenominados antifascistas. Os únicos que se lembran de Franco, son os que se chaman antifranquistas. Os únicos que se lembran do centralismo son os nacionalistas radicais. Neste estado profundamente descentralizado, liberal, social, democrático e occidental, Franco hai anos que desapareceu das memorias e do panteón político, e hai anos que quen manda na sanidade, educación, servizos sociais, etc. son as autonomías. Non hai franquismo, nin centralismo. E todo, vivimos en democracia, é perfectible e acadable polas vías da lei. 
En fin, mañá haberá unha circunstancia nova na nosa historia: un choque, unicamente, entre un estado liberal, social, democrático e occidental que nin quixo aplicar as medidas que contempla, coa máxima claridade, o propio marco xurídico -o famoso artigo 155-  e unha parte dese estado, que é o goberno dunha comunidade autónoma que desexa facerse soberano, ao seu aire, sen aterse ás leis, aprendendo isto dos dominantes socios antisistema que rexeitan todo, a convivencia e o propio sentido común.  

En fin, todos desexamos que os incidentes de mañá, sexan o menos graves posibles. E tamén que xurdan voces que inxecten cordura no diálogo imprescindible do futuro. Que teñamos sorte. Crucemos os dedos.