Opinión

O referendo do día 25

Odía 25 de setembro teño a impresión de que non hai eleccións, creo que hai un referendo. A propaganda do actual presidente vai de forma radical por ese camiño. É lóxico. Sabedor de que é o líder máis valorado -ese seis e pico de que falan as enquisas- focaliza na súa persoa todo. Nuns carteis tirando a celestiais -fondo clariño, cara clariña, azul clariño- aparece como se fose un anxo con gafas e sorriso: fáltanlle unhas aliñas. Entrentres, a propaganda da oposición parece feita por axencias do PP. Ao Xocas Leiceaga, espetáronlle no medio da cara de presidiario o lema, en forma de pintura de indio. A do BNG tamén é unha especie de trampitán de cachos de palabras. Os outros carteis de Feijóo insisten no “SI” ou “En Galicia, SI”, con evocacións de referendo e case sen topar a sigla PP, pero tanto ten. Ou é que alguén pensa que hai quen cre que é o candidato do PSOE ou do BNG? Só lles falta aos carteis un pé de páxina que diga “Queredes que siga eu ou que veña o “batiburrillo”?

Pero isto déixao para os mitíns, loxicamente. Pola súa banda, a oposición actual, entra, case sen alternativa, tamén no tema do referendo. O centro da mensaxe de todos é, simplemente, botar a Feijóo, e logo xa veremos. Ou sexa, xa discutiremos a ver quen manda. Ou sexa, “Non”. Pero como a todos nos gusta que nos digan que si, tendemos a considerar o si máis atractivo. Por iso, normalmente, os referendos gáñanos os que os convocan, aínda que, en casos raros, pasa o contrario. Lembro varios. Pinochet perdeu o da súa continuidade, alá por outubro de 1988, aínda co apoio do 44 por cento da xente; e despois, unha man de deles, independentistas: os partidarios da independencia de Quebec, perderon dúas veces, 1980, 1995; os de Porto Rico, en catro (1963, 93, 98, 2012); e os de Escocia, outra máis (2014). Pero xa digo, o normal é que o gañe o que o convoca.

Sigamos co noso. Alberto Núñez Feijóo non é Bashar al-Ásad, nin falta que lle fai. E a oposición galega non é a oposición siria, pero tamén hai ben de grupos que se combateron entre eles ata o comezo da campaña con uñas e dentes, e aínda que hoxe estean co “alto o fogo” non parecen ser a mellor carta de presentación para pactos futuros: os PSOEs galegos, coa máxima pluralidade de discursos. A Marea coas súas familias multiples, nacionalistas ou non, podemitas destes ou daqueles, independentes e independentistas, sempre en ebulición como os coches de choque nunha festa, baténdose sen mancarse. O BNG ilusionado con recuperar folgos e manter grupo, e non ir ao mixto con D.O. e Ciudadanos. Se entran, que pode que si.

En fin, a xente votará o domingo, coma sempre, con máis ou menos convecemento, pero a quen lle pete. E se alguén pensa que non é así, seguirá sen gañar nunca, porque ao persoal non lle gusta que o minusvaloren e que digan que outros deciden por eles, que son parvos ou manipulados. Se cadra a maioría da xente está contenta co marco político autonómico e co goberno actual porque a maioría é conservadora, aforradora e enténdese a cultura de apretar o cinto. E non hai moito máis percorrido. Polo menos iso creo eu.

Te puede interesar