Opinión

Reflexión incómoda

Leo con atención a información de Cáritas. Léoa con calma, cruzo e reelaboro datos. Primeiro achegareime desde as matemáticas, e logo comentareinos ao meu ver, pois xa se se sabe, a botella está medio chea e medio baleira ao tempo.  Empecemos. O ano pasado investiu Cáritas 1.667.624 euros na atención de 20.709 persoas en Ourense. Marabillosa xenerosidade feita realidade coa que as sociedades como a nosa amortecen, por sorte os seus conflitos. Isto é solidariedade humana nun país no que en moitas familias non entra un can. E isto concretarémolo vendo quen son os destinatarios da axudas, pois sendo a humanidade é unha e difusa, os pagadores de impostos son varios e concretos. Vou ao grao. Di Cáritas que deses 20.709 atendidos, o 68 por cento tiña unha nacionalidade europea (ou sexa 14.082) e deses o 81 por cento eran españois (ou sexa 11.406); e habería logo 2.676 non españois entre estes europeos. Desas cifras tamén se deduce que os provenientes de países non europeos -América ou África principalmente, supoño- que gozarían de axudas serían 6.627. Daquela se os dividísemos en  dous grupos principais, españois e non españois  en contacto con Cáritas, teríamos 11.406 e  9.303 respectivamente. (Dos estranxeiros,  6.627 non europeos e 2.676 europeos).  E eses datos tamén os prodemos cruzar coas cifras de poboación total. Na provincia de Ourense viven arestora 13.052 inmigrantes. Se os que teñen trato con Cáritas son  9.303 parece que se pode deducir que o uso desta asistencia social é do   71, 27%.  Por outra banda, dos cidadáns locais, ou sexa dos 301.000 habitantes da provincia de Ourense (excluídos os residentes inmigrantes), os que teñen trato con Cáritas son 11.406, ou sexa o 3,7%. Destes datos infírese que os inmigrantes, sendo un 4,1 por cento da poboación, consumen o 44, 92 % dos recursos de Cáritas. O resto, o 55,08 dos recursos dedícanse ao 95,9 por cento da poboación local. Ben. Ata aquí datos que só poden variar só en función de erros de cálculo ou cousa así.

Que pensamos disto? Pola miña banda, estou de acordo con que así sexa. En xeral os españois teñen outros colchóns -familiares, etc.- que axudan a amortecer estes problemas e están na súa terra. Por iso os estranxeiros que veñan a traballar deben ser benvidos como o foron os galegos en América. Os movementos de poboación está aí desde que o mundo é mundo e debemos ordenalos, non opoñernos, o que sería inútil.  Pero a cambio desta xenerosidade de acollida e asistencia debe haber pola outra banda unha contrapartida: vontade de traballo e integración. Como fixeron os galegos polo mundo adiante; o que non implica, claro, esquecer a terra de orixe. Pero en ningún caso se pode confundir esta empatía de fraternidade, coa inxenuidade de ser tépedo coas novas organizacións de delincuentes. Ladróns de cobre, asaltantes de polígonos industriais ou de chalés, pandilleiros,  sen fronteiras. A cousa é fácil de enunciar mais difícil de xestionar. Axudas aos inmigrantes, as que sexan precisas. Ora ben, aos integrantes das bandas internacionais, reenvío inmediato ao país de orixe. Sen dúbida, os máis beneficados serían a maioría dos inmigrantes que veñen a traballar e integrarse. Benvidos en conxunto, pero con condicións particulares, como calquera contrato entre dúas partes.

Te puede interesar