Opinión

A reforma electoral

Sabemos todos, contra o que poida parecer, que a democracia non é o poder do demo, senón do pobo. E isto vén da ocorrencia dos gregos de chamarlle ao pobo “demo”, que xa é ter ollo e ventar por onde irán as cousas. En fin. Que ao que nós lle vimos chamando democracia é a un simple paraugas onde se acollen formas semellantes de organización social, liberdades cívicas, pero sistemas políticos diferentes que teñen en común que os cidadáns se presenten, voten e escollan en liberdade. Así, dicimos que hai democracia en Suecia, Gran Bretaña, Estados Unidos, Alemaña e, por moito que queiran usar o helenismo apelidado de “popular” ou “socialista”, sabemos que o de Cuba ou Corea, non son democracias. Tampouco o era, claro, o réxime de Franco que, ás veces, falaba de “democracia orgánica”, cando o seu órgano máis desenvolvido era a porra. En fin. Sen liberdades públicas, o oxíxeno de sociedades civilizadas, non hai democracia. De acordo? Pois como saben, entre os países citados en primeiro lugar, hai monarquías, repúblicas presidencialistas, parlamentaristas, estados centralistas, federais... E todo son democracias –que é o importante- porque os cidadáns poden dicir o que queiran e teñen a posibilidade de elixir, ser elixidos, e o deber de aceptar as decisións da maioría. Porque, como di esoutra definición de democracia, irónica, “a democracía é o sistema que garantiza que ningún país terá un goberno mellor do que merezan os seus cidadáns”.

Así pois, despois da ruptura do consenso constitucional –pensen nos pactos da Moncloa, na vontade colectiva de pasar páxina do pasado e da guerra e no PCE de Carrillo colocando a bandeira constitucional nos mitíns e enxalzado o papel do rei na chegada da democracia-, logo desta ruptura, digo, e enfrontándose aos desexos de “cambio de réxime” expresados por minorías que emerxen e vellos constitucionalistas que se reconvirten na pelexa polo mesmo electorado (IU versus Podemos) o Goberno decide cambiar de modelo electoral democrático. Seica se trata de reforzar as opcións maioritarias en cada sitio sen chegar ao sistema inglés de todo o nada, ou sexa de 51 por cento, deputado; 49, nada. E ocórrenseme varias reflexións que lles direi en dous días. A primeira reflexión é que se acusa ao Goberno de favorecer os seus intereses electorais. Home non. Sería a primeira vez na historia que un goberno lexisla coa intención de perder as eleccións seguintes. A segunda é que coa desagregación do voto da esquerda, moitas cidades poderian chegar a ter gobernos máis próximos a grileiras que a equipos de xestión operativos. Voulles pór un exemplo, desde Ourense, fácil de entender. Imaxinen que en Ourense city o resultado futuro fose: PP 13, PSOE 4, DO 3, Podemos 3, AGE-Marea 2, OC (Ourense en Común) 1, BNG 1. Que máis puntos en común tería un hipotético goberno a seis –por exemplo- máis que o frontepopulista “non pasarán”? Canto duraría? Tería máis respaldo democrático a suma 14 de cinco ou seis elementos ou o 13 dunha soa? Podería ser un goberno de 13 refén dun minoritario atolado calquera? Que sería máis útil para a boa gobernanza da cidade? E ollo, cando digo 13 PP, podería dicir 13 PSOE, aínda que, estes últimos, difícil mo poñen. Mellor escoller directamente o alcalde antes que andar delegando noutros para que fagan caxougues e compoñendas. Creo.

Te puede interesar