Opinión

Reorganización de mapas

Os mapas físicos non é preciso reorganizalos. Un monte é un monte; unha ría, unha ría. Pero todo o que teña que ver coa interacción de humanos e medio é susceptible de actualización. Se comparamos, por exemplo, unha foto aérea de 1956 e outra de 2014 (pódeno facer en mapas/xunta.gal) verán como os cultivos, as estradas, o tamaño dos núcleos de poboación, son radicalmente diferentes. 

E unha das actividades máis importantes da responsabilidade do poder é xestionar ese mundo cada vez máis elástico e en cambio e encaixar necesidades, servizos e recursos. Efectivamente, entre o Sanxenxo do inverno e o de verán, por exemplo, auga ou limpeza, multiplícanse por máis de dez, e loxicamente, variarase no volume de traballadores a ela dedicados. Só a dinámica demográfica é o auténtico perigo dun país que por veces parece camiñar á extinción. E, xa se sabe, os vellos fan o que poden vivindo moito, pero os novos non se reproducen o suficiente. E de ver as concentracións escolares cheas de nenos que superaban as estreiteces comunicativas da aldea e se integraban cos doutras veciñas, hai trinta anos, a ver como esmorecen hoxe por falta de alumnado, hai a distancia que sabemos. Un meu amigo contábame hai uns anos que facían os claustros no coche -de cinco prazas- que os levaba (ían xuntos) á vella concentración do rural profundo. Alí agardaban a cociñeira, o bedel, e viñan no transporte a maioría da escasa ducia de alumnos que resistían. Obviamente, cando pecharon o centro, lamentárono todos, pero todos o entenderon. Porque os cartos, que existen, teñen a manía de non se reproduciren coa facilidade das palabras. 

E se vemos un mapa escolar de 1980, por exemplo, correspóndese coas densidades de poboación infanto-xuvenil daquela época. Lembremos que no seu día se fixeron centros de FP e Bacharelato en todas as vilas, case sempre uns ao lado de outros pola especialización dos barrios. Logo houbo fusións de BUP e FP e resultou unha duplicidade xeneralizada. E cando baixou a mínimos a natalidade -ese é realmente o problema, non outro- os xestores responsables -os que deben exercer a súa responsabilidades- decidiron en moitos lugares integrar centros para optimizar recursos. En xeral, os alumnos acaban encantados, porque o espazo de socialización é máis grande e os centros gozan de máis recursos e actividades. Loxicamente, hai problemas de axuste de profesorado, de instalacións, etc. etc. pero nada do que non haxa experiencia sobra para lograr superar os inconvenientes e ver que as vantaxes son maiores que iso que parece ser o desideratum de moitos axentes sociais, non facer nada.

E as autoridades responsables do conxunto, non da parte, aproveitan os momentos que lle son máis axeitados para exercer as reorganizacións, neste caso, as datas próximas ás vacacións. Porque unha vez reflexionada unha acción no foro competente, debe tratar de efectivizala coa maior axilidade. Os pais, os profesores, os alumnos, teñen todos dereito á educación pública e gratuíta, pero non, un imposible, á carta. E deben entender, e facerlle ver aos alumnos, é educación, que o interese colectivo é superior ao particular, inda que sexa dun. 
En fin, traballo eu nun centro educativo que hai poucos anos acolleu á maioría do claustro e alumnado de outro, e debo dicir que o proceso de integración faise sen especiais dificultades grazas á gabable profesionalidade dos docentes e a plasticidade dos alumnos. O malo é a politización de cuestións técnicas. E xa me gustaría que se fixese tamén así a reorganización dos concellos, pero iso, seica, é máis complicado.

Te puede interesar