Opinión

Reza pra que chova

No fondo todos somos bastante irracionais. Temos medo nos cemiterios de noite cando debía ser o contrario, pois están habitados -ou polo menos ocupados- por xente pacífica e tranquila a máis non poder. Nin se remexen, nin montan bulla aos veciños; non teñen terrazas nin televisores a todo volume. Xente caladiña e prudente. E se algo teñen que dicir, dínnolo ao corazón e nunca molestan ós demais. Pero aínda así, temos medo.

Pois co tema da chuvia, a verdade, estou farto de tanto cientifismo e quero algo de maxia. Que se as fotos do Meteosat, que se o Meteogalicia di... E a ver, como non se lle ocorreu a ninguén pedir axuda e sacar en procesión á Virxe de Reza? A nosa “Virxe Meteorolóxica”, como a definiu, ocorrente, o agnóstico Eduardo Blanco Amor no seu discurso a prol da autonomía de Galicia do día 4 de decembro de 1977, para agradecerlle que non chovese ese día. 

Si. A Virxe de Reza foi a recipendiaria histórica dos honores da cidade para lle pedir sobre todo auga pero tamén outros favores importantes. E tan mal non foi a cousa, pois imos para os 2000 anos. En 1918 veu en procesión, e foi pasando a gripe. Volveu en 1938 pois non daba chovido, e choveu. E o trámite para traela foi sempre o mesmo: tres días de rogativas na catedral; se non chovía, traíase a Virxe en procesión desde Reza á Catedral -previa petición do Concello ao Cabido- e quedaba instalada na Capela Maior. Alí, nove días de misas cantadas na mañá, e salves pola tarde. Alumeadas por seis velas, pagadas por contribución dos fieis. En fin, mal non facía ningún e malo sería que en trece días despois de ter esgotada a paciencia das xentes, non pingase algo. É máis, non creo que se molestasen os de Meteogalicia cunha pequena axuda do Ceo, pois, por certo, a auga cae de arriba. E ocórrese unha idea para animar á Virxe a botar unha man -ou uns caldeiros de auga-. Cóntolles. 

Un tal Arias Páez, veciño de Ourense, morador na Canella Cega ao lado da Trindade alá polo ano 1286, dedicoulle dúas cantigas de amigo á Virxe de Reza que chegaron a nós nos cancioneiros medievais. E a imaxe da Virxe debía ser daquela unha románica que se conserva hoxe na Catedral e que apareceu en 1964 detrás dun retablo. A que hoxe está alí, seica foi comprada a fins do XVI por un arcediago da Catedral, Afonso Fonseca, en Vigo ou Coruña, a un xudeu que fuxira de Inglaterra con ela, nos tempos do teimudo Enrique VIII -casou seis veces- e responsable da ruptura coa Igrexa de Roma, e do acabamento dos conventos na Illa. Unha destas cantigas diría no galego actual: “Quero ir a Santa María, e irmá vide comigo/ e virá aí o meu namorado de bo grado falar comigo. Quero ir a Santa María de Reza, onde non fun hai gran peza (hai moito tempo). Se alá fose irmá, ben sei que o meu amigo aí viría/ por me ver e falar comigo, que non pode ser outro día. Quero ir a Santa María de Reza, onde non fun hai gran peza”. En fin, a outra cantiga é bastante similar e o tal Arias ten outras dúas nas que un home lle declara o amor a unha muller, todas ao xeito tradicional. 

E creo que se lle poñemos ao lado da Igrexa de Reza unha placa co texto destas cantigas, unha pequena explicación, e cunha foto da imaxe vella que está na Catedral, para facer un punto de atracción turístico-cultural, seguro que Virxe sorría e mandaba chover. Podemos probar, non cren?

Te puede interesar