Opinión

Riberia do Arnoia

Hai construcións toponímicas recentes con máximo éxito. Non se crean que Costa da Morte, Ribeira Sacra ou Baixa Limia eran formas usuais na Idade Media. Así pasa con moitas denominacións turísicas. “Praia América”, sen ir máis alá, inventouna nos anos vinte o Manuel Lemos, un galego de Tebra, que triunfara en Buenos Aires vendendo gaseosas. Pero os nomes adáptanse ás novas realidades. Así, “véndese” “Costa da Morte” e vualá -ou velái, mellor pola enxebre- xa temos o produto identificado no mercado, onde antes había as mesmas cousas pero sen o “sentir común”, que diría Abanca. 

Pois créolles que cumpría inventar unha denominación turístico cultural para promocionar transversalmente -arte, paisaxe, historia, gastronomía- unha zona da provincia privilexiada. Debemos saber que a existencia de varios puntos de atracción en zonas próximas crea sinerxias evidentes. Os bares dos viños xogan ao arrimado, por estas obvias razóns. Non se fan competencia, suman.

O outro día despois de xantar en Celanova fixen unha miniexcursión por catro dos monumentos máis importantes de Galicia, aos que, a pesar da súa proximidade, lles falta promoción conxunta. Parei, aos dez minutos ou así de saír da vila de San Rosendo, na marabillosa igrexa de San Pedro da Mezquita. Logo, en dez minutos máis estaba na impresionante Santa Mariña de Augas Santas. Ao saír de alí, noutros dez, na Colexiata de Xunqueira de Ambía, e noutros dez, no Museo de Arte Sacro das Clarisas de Allariz, porque non tiña tempo de dar un paseo polas súas rúas e igrexas románicas. 

En fin, dándolle volta á cabeza e ao mapa, pensei nas posibilidades dunha rota histórico-cultural das Ribeira do Arnoia que empatase case coa Ribeira Sacra e comezase en Maceda -o castelo- , Baños de Molgas -termal, natureza ao pé de ponte medieval e da súa burga-, Xunqueira de Ambia -a colexiata, o río-, Santa Eufemia de Ambia -prerrománico-, Allariz -románico, ponte medieval, natureza ao pé do río, historia, literatura e gastronomía, outlets-, San Martiño de Pazó -prerrománico-, Santa Mariña de Augas Santas -arte e tradición-, San Pedro da Mezquita -xoia románica -, Celanova -prerrománico, mosteiro, Castromao, Vilanova, gastronomía (relámbome pensando no entrecot que comín o outro día no Lito)-, Ponte Freixo -ponte romana espectacular-, Ramirás -mosteiro románico-, etc.

Si, hai material abondo para facer este eixo NE-SW, non lonxe de Ourense capital, que se articule con dous eixos turístico que xa funcionan: entestando polo norte, coa Ribeira Sacra, e polo sur co eixo Ourense–Celanova–Limia Baixa.

Este eixo románico fundamental é case a última grande liña románica de Galicia cara ao sur. Sabemos que as zonas raianas era áreas de fronteira moi conflitiva, pois coinciden o románico e o nacemento de Portugal e medio despoboadas. Creo que se non se leva traballado neste tema é porque as vías de comunicación principais non acompañaban o curso do río e por cuestións de, chamámoslle, pequena política. Estou seguro que a todos estes concellos, Maceda, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, Taboadela, Celanova, Ramirás, etc. víñalles ben abrir unha liña de colaboración para turraren xuntos pola visibilización da riqueza da Ribeira do Arnoia e a súa promoción no sistema turístico cultural de Galicia. Creo. 

Te puede interesar