Opinión

Riflessionne alla punta del tacco

Hoxe, xoves, visitei un confín de Europa. Se cadra o máis central de todos. Chámanlle –e así é a advocación da Virxe á que se lle reza no santuario- Finibus Terrae. Esa fisterra hoxe vivida está, como din eles, “alla punta del tacco”, e entendan que onde din tacco, nós diriamos tacón. Si, na mesmiña punta do tacón da bota italiana, no confín da península de Salento, na Apulia, hai un porto fermosísimo, Leuca, sobre o que hai unha vista espectacular desde o faro que, loxicamente, hai ao lado do santuario. Conflúen alí os mares Adriático e Xónico e albíscanse, moi ao fondo, as montañas de Albania.

Pero non estaba eu só. Estaba cunha ducia de profesores e dúas ducias de alumnos de Alemaña, Francia, Italia e Ourense. Trátase dunha itinerancia dun proxecto Comenius acollido pola Unión Europea. Nada raro. Así fan centos e centos de centros de Europa, entre eles varios da provincia. Imaxinen a marabillosa experiencia para uns alumnos de último curso da ESO ou primeiro de Bacharelato –no noso caso- confluír en sesións de traballo creativo con rapaces da súa mesma idade destes ou doutros países e en sitios tan distintos da súa localidade. Os italianos –italianas- estiveron xa entre nós e agora devólvese visita. Outros xa foran a Francia o curso pasado, e outros irán a Alemaña en marzo. Imaxinen a marabilla formativa de ver cidades, espazos que non son os seus, practicar unha lingua de traballo común, normalmente inglés, e formarse divertíndose con mozos e mozas destes lugares.

Si, tamén, claro, a pesar da traballeira de vir ata aquí e estar pendente vinte e catro horas deles, é moi positivo para os docentes convivir con profesores doutros países para valorar ben o que temos e o que non, comparar experiencias e situacións, sabermos das distintas formas de organización e decatármonos de que a maioría dos problemas son comúns. Fundamentalmente, o novo mundo creado polas novas tecnoloxías que fan que estes mozos compartan máis rasgos culturais entre eles, que cos seus avós e case connosco. Si. Para ben e para mal, o mundo é un sitio radicalmente distinto ao que nós coñecemos de novos. E hai que saber estar nel coa habilidade suficiente para triunfar. Velaí o reto común.

A opinión xeral dos profesores é que os programas de Comenius e Erasmus foron das cousas máis útiles que fixo a Unión Europea. Proxectos como este no que andamos e tantos outros, levan influído decisivamente na eliminación dos estereotipos e prexuízos nacionais, como poucas outras cousas antes na historia. Si. Para as nosas alumnas, os italianos, os alemáns, os franceses, en xeral, case non existirán. Cando pensen neses países lembrarán a Annapaola, Francesca, Chiara, Pierre, Mathilda, Louise, Antoine, Frederik, Hanna, Kristina, Lukas, Nessrine... e nós, os profesores, a Kristia, Claudio, Heike, Mario, Alexander, Christa, Salvatore... Si. Este é un compoñente importante do formigón da nova Europa. Os alumnos que pasaron por Comenius ou por Erasmus, creo que son impermeables ás parvadas que confunden identidades con incompatibilidades ou agresividades. Sábense todos a mesma xente, a mesma tropa paneuropea. E velaí o marco que nos dá sentido e personalidade múltiple –ourensáns, galegos, españois, europeos- nun mundo xa radical e irreversiblemente globalizado.

Te puede interesar