Opinión

Sobre o PSOE

Varias veces teño manifestado a miña simpatía humana polo PSOE, especialmente por algúns dos seus dirixentes históricos como Julián Besteiro. Ao tempo, recoñezo e valoro o seu importantísimo papel vertebrador na transición española, por equilibrado, moderador e aglutinador das distintas iniciativas socialistas e socialdemócratas xurdidas por España adiante nos últimos tempos do franquismo e na propia transición.

Aqueles bos tempos para o socialismo en Galicia abrangueron os primeiros pasos da autonomía. Lembremos a fructífera presenza no Parlamento galego, entre 1982-85, de Carlos Casares, Alfredo Conde, Ramón Piñeiro e Benxamín Casal nas súas listas. Neses momentos, lembremos, era conselleiro de Educación do goberno conservador Filgueira Valverde e logo presidente da Xunta Fernández Albor. Todos eles, uns e outros, señores dialogantes, cultos e flexibles.

Pero os tempos cambian. Ás veces digo esaxerando que o mundo de hoxe parécese ao de antes dos ordenadores, da internet e das novas tecnoloxías, ao de cando estabamos no Curros Enriquez antes da chegada do home á Lúa, en que é redondo e xira. Pouco máis. Hai unha aceleración histórica que todos coñecemos. E esta aceleración maniféstase paralela en distintos países que comparen cultura. Por exemplo, as “primaveras árabes”, todos ao tempo. Por exemplo, a extinción das ditaduras de España, Portugal, Grecia, cun lapso de meses. Ou do predominio comunista e eurocomunista na esquerda, cos peces de Francia, España, Italia e Grecia durante as mesmas décadas. Por iso, agora que se descompuxeron as forzas políticas tradicionais en Italia e en Grecia, e que parece que tal bailan en Francia, é lóxico ver con preocupación o nivel de agresividade dos socialistas españois neste debate das súas primarias, pero non é de estrañar. Parece que se está debatendo continuar como partido sistémico centrado na xestión socialdemócrata como na súa historia recente, ou ou deixar de selo, alinearse coas posturas de radicalismo de puño, e cuestionar a súa propia historia desde os tempos de Felipe González. En fin, despois de ensanchar tanto as fendas e de tanto fel verquido é difícil imaxinar pontes e mel para calmar as feridas e unir o esgazado ao día seguinte das primarias.

Ademais, neste mundo de dominio dos 144 caracteres, de total preeminencia da eficacia comunicativa sobre o pensamento reflexivo, todo tende a ser máis provisional e volátil. Antes a roupa era para durar toda a vida. E os coches. E os televisores. Agora a obsolescencia está facendo mella incluso nas organizacións sociais que se encontran ante paranoramas máis líquidos, que precisan dunha adaptación constante, instantánea, aos novos paradigmas que xorden e desaparecen. Está por ver onde nos leva a cousa, pero nese escenario é posible que algúns partidos políticos sucumban, como os vellos dinosaurios, por ser demasiado pesados para adaptarse. E non lles conto se son carnívoros que se comen entre eles. Poderán traballar xuntos o día despois ou veremos un proceso de reprodución por xemación, cun novo partido sen unas siglas históricas que, a verdade, hoxe pouco importan, como nos demostra a realidade. En fin, o sabio Quixote advertiunos que todo é posible co seu “cousas veredes que non creeredes, don Sancho”. Así, pois. Esperar e ver. Boa pinta non ten.

Te puede interesar