Opinión

Solución á cuestión municipal

Permítanme que mo tome con humor. Vexamos. Todos, -tirios, troianos, espectadores, paseantes, observadores, analistas, escépticos, apaixonados-, todos, de calquera tendencia punto do arco político -esquerda, dereita, arriba, abaixo, centro, dentro ou fóra-, todos, cidadáns activos ou, segundo o insulto de Facenda, “sujetos pasivos”, parados, vagos e maleantes,  por conta propia ou allea, todos, están de acordo en que no Concello de Ourense, algo pasa, que pasa algo. Lévanse mal entre eles e non funciona como debera. Os ourensáns lembramos ó Manolo Cabezas e o Pepe Peña, do PP e o BNG, tomando café xuntos despois dos plenos e teñen saudades do señorío e da finura das relacións humanas doutrora.

A cidadanía, ata hai pouco, asistía atónica ás cousas da Casa Grande da Praza Maior. Os plenos espectáculos, coas súas liortas e descualificacións permanentes, cos insultadores e insultados habituais, sorprendían a unhas xentes moito máis pacíficas, traballadoras e colaborativas cós seus representantes. Agora xa non. Non porque cambiasen, senón porque o cidadán deixou de mirar para eles. “O goberno quéixase de que non lle aproban os presupostos e que ten as mans atadas. A oposición, efectivamente, non llos aproba, pero tampouco se pon de acordo para facer unha maioría alternativa. En fin, uns por outros, o choio acumúlase”. “Cando haxa eleccións, nada se arregra, os resultados serán máis ou menos os mesmos”, opinan os máis pesimistas. Hai, iso si, unha difusa e esvaída sensación de que o mundo político-administrativa do Concello -así “a feito”- non está á altura da cidade, e o desprestixio funciona como unha mancha de aceite, homoxénea e igualadora. 

E digo eu que, se non queren aprobar presupostos nin gobernar, se cadra, hai que ir a unha solución imaxinativa, radical, estrambótica... 

En 1943 o Concello de Canedo, en crise existencial desde os comezos da guerra, despois de moitos avatares, integrouse en Ourense. E a suma foi boa para todos. Pois se cadra era hora de seguir ese camiño:  poderían pensar en pedir a integración en Barbadás. Ou no Pereiro. Ou en San Cibrán de Viñas... Mellor en Barbadás. Porque xa ten un dos barrios máis dinámicos da cidade, A Valenzá. E podería ter un nome dobre, como Vitoria-Gasteiz. Podería ser Barbadás-Ourense, para que lembrásemos de onde viñamos.  No proceso, a Policía Local de Barbadás faríase cargo da de Ourense; os bombeiros de Barbadás, dos de Ourense; as concellerías de Ourense subsumiríanse todas nas homónimas de Barbadás; as intervencións, xefaturas de persoal, secretaría etc. outro tanto. En definitiva, o alcalde de Barbadás -esa si que sería censura- sen pasar polas urnas nin farrapo de gaita, sería tamén alcalde de Ourense. Incluso se podería pedir ás Cortes, o cambio de denominación da provincia. “Galicia catro: A Coruña, Lugo, Barbadás e Pontevedra”. Mmm. A algún custaríanos afacernos. Se cadra era mellor -algo máis fácil parece- pórense de acordo nuns mínimos e turraren xuntos todos do carro da cidade. Vexo complicado, pero preferir, eu preferiríao. Fóra bromas.

Te puede interesar