Opinión

Suebi Auriensis

A exposición dos suevos é unha marabilla. Hai pezas extraordinarias e o discurso xeral ben construído é moi interesante e revelador dunha xentes que chegan do norte e se integran nas elites galaico-romanas. Perfecto. Hai pezas preciosas e as charlas complementarias moi interesantes. Paga a pena vela, e se non o fixeron, espabilen. O catálogo, que queda despois da arte efémera da exposición, daralle transcendencia temporal. Ademais, Manuel Xesús fai un excelente traballo de difusión, ameno e rigoroso, entre os que atenden a súa visita. En conxunto, un moi bo traballo de selección, xestión e montaxe.

E feita esta declaración de amor, permítanme outras reflexións, xa sen botafumeiro. A división da mostra entre tres sedes convida á xente a percorrer os camiños da cidade e facilita velas en días diversos, pero tampouco estaría mal centrar todo nun edificio, o Marcos Valcárcel, por exemplo, para facilitárennos a visita. As linguas. Esta exposición non vai ser itinerante, ou sexa, só vai ser exposta en Ourense. De partida, entendo que as exposicións bilingües son complexas e se cadra innecesarias pois galego e castelán son moi próximos, máxime en niveis cultos. Pero se se quere facer bilingüe, creo que se debería destacar o galego, que ben lle cómpre prestixialo con cousas así, coas letras en branco, por exemplo, e deixaría o texto castelán en azul, incluso máis pequeno, para alixeirar os paneis. 

As madeiras. Non me atrae a estética da montaxe, pois a mellor montaxe é a que non se ve, coa atención centrada só nas pezas. En Santa María Madre, e tamén no Simeón, vexo excesiva a presenza do entramado de paus. O tempo. Unha exposición como esta hai que abrila máis meses -supoño que se ampliará o prazo, e iso sería bo-. O realce. Pezas como o caldeiro de Musov, se cadra merecían estar máis realzadas, cunha pequena sala soa ao seu servizo, para focalizar nela o interese. 
E por último, vexo unha cousa á que se lle debería ter dado ben máis visibilidade: a presenza ourensá. Explícome. Do noso Museo Arqueolóxico Provincial, ese que nos fornece a baixísimo presuposto exposicións ourensás moi dignas todos os anos -como a última sobre a fotografía aérea arqueolóxica en Afundación-, e Pezas do Mes todos os segundos mércores de mes en San Francisco, dese noso histórico Museo Arqueolóxico vivo e en “stand by” na súa relación normal co público, hai quince pezas. Algunhas interesantísimas. E creo que estas deberían ter realce especial dado que se fai aquí a cousa e deste xeito turramos da memoria e da importancia do noso patrimonio local e do noso Museo Arqueolóxico que, como á lingua, ben lle cómpre tamén o noso afecto. 

En fin, non é chauvinismo localista, é pura lóxica. Se falamos dos mundo tardorromano e xermánico e hai pezas de Ourense, pois que as vexamos ben, que as recoñezamos en destaque: son as nosas. Falo, por exemplo, do fermoso broche de cinto, das Pereiras, en Cimadevila, na bocarribeira trasalbesa, non lonxe da casa de Otero Pedrayo, que ten unha inscrición cristiá das primeiras do país [XPS SIT TECUM, (Cristo sexa contigo)] e que pasa case desapercibido no Marcos Valcárcel. Falo do cabaliño de bronce, tamén dun cinto, símbolo do xacemento de San Tomé, no propio Concello noso, que está xunto cun magnífico Honorio da mesma procedencia -unha moeda de ouro romana cuñada tamén polos suevos- no Museo Municipal. Falo da famosa “Placa de Amiadoso”, de terras alaricanas, que está en Santa María Madre. E dalgunha outra. En conclusión, a exposición, magnífica. Imprescindible. Vaian se non foron, antes de que peche e gocen coa cultura. Que é boa cousa.

Te puede interesar