Opinión

"Sujeto a financiación"

O outro día aí atrás -recurso expresivo galego que equivale a dicir “un día que non lembro”- pero hai un par de anos, polo menos,  fun visitar unha feira de exposición de coches de segunda man. Ou seminovos. Ou semivellos. A botella medio chea ou medio baleira, pero se un día que está mediobaleira, non a vende. E xa non lle digo se un gaba un coche dicindo que está semivello. 

 O caso é que fun ata o Paco Paz e vin coches a esgalla. Case de perderse. Como coas cartas descomunalmente longas, como a do Asardor’s José en Riós.   Algún dos coches aínda me cobizaba e podía acabar entrándome polo ollo. Pouco. Porque non son dos de deixarme engaiolar facilmente. Así que me dirixín a un dos traxeados comerciais, logo de mirar un coche que puña no parabrisas un letreiro grande, 10.000 Euros. E pregunteille, para asegurarme e iniciar conversa sobre o vehículo, se o prezo era ese. Si, por suposto, afirmou encantado. E engadiu amable “Sujeto a financiación”. Eu, agradecido e un pouco sobrado, díxenlle. -Non moitas grazas, non preciso financiación, ou sexa, traio os 10.000, pago e... inda que ben pensado,  supoño que pagando todo xunto, aínda farán unha rebaixa, non? Sorriu o home e tratou de explicarme o inexplicable, aínda que viu que non tiña eu moita aparencia de comulgar con rodas de muíño. O caso é que se quería pagalo todo xunto, era máis. Non lembro se trece ou catorce ou quince ou algo así. - Ah. pois logo -díxenlle- aínda que me incordie, abro unha conta, meto os cartos e olvídome do tema; E vostedes pasan aí os recibos ata que cheguen ao final dos dez mil e punto.  Pero, vealí que non era tan fácil a cousa. Porque como era “financiado”, debía pagar uns intereses por unha financiación que non quería nin necesitaba. 

-Vamos ver -díxenlle medio enfadado. Vostedes poñén aí que custa dez mil euros. Eu teño dez mil euros, e polo que vostede me ensina, nin xunto nin a prazos son eses dez mil euros do carteliño do coche. Non lle parece que algo falla? E conste que non lle boto a culpa a vostede, que se non me engano, non é o dono da empresa, pero entenderá que me custe moito entender porque poñen no cartel 10.000 e logo nin así nin asado saír esa conta.  O bo do comercial, sorriu e díxome: É que agora todos fan así e nós non podemos facer doutra maneira...

Eu que non sei de leis nin de cualificacións xudiciais, e me custa distinguir furto de roubo de subtración, ou homicidio de asaninato, cualificaría esta práctica estendida como publicidade enganosa. Se cadra non é así, e a palabra engano non é a correcta e debería ser outra como argucia, artificio, truco, artimaña, treta, apaño, calote, falacia ou así. 

Creo que non era difícil de solucionar. Cando se fixese publicidade dun prezo, simplemente obrigar a cumprir o dito. E nada de trangalladas de letras microscópicas, e complicadísimas operacións matemáticas.

Iso lémbrame un anuncio, feito para rir que non enfadarse,  de venda de rodas nun taller de Castela que ao lonxe se lía “SEXO GRATIS AQUÍ” e achegándose complementaba con letras máis pequenas. “En la compra de un par de ruedas, no importa su SEXO, GRATIS un cambio de aceite AQUI”. 

Te puede interesar