Opinión

O super push up de Intimissimi

Non lles está na miña intención, polo menos de momento, opinar sobre a lingerie feminina, así pois, non se sorprendan do título e do artigo que agora empeza, pois como a vida nos ensina, todo ten moitas voltas e unha cousa pódese ver desde moitos puntos de vista e abrir moitos camiños.

Sentado pois eu ante o televisor, vexo o anuncio que me presta o título no que unha guapísima Blanca Suárez nos presenta as marabillas do novo produto, o super push-up de Intimissimi, de encaixe e sen aros, mentres a cámara vai e vén pola prenda, por unha cinta métrica como as das nosas caixas da costura, uns carretes de fío negro, unhas tesoiras que cortan unha fita negra, unha agulla que enfían unhas fortes mans masculinas que delicadamente palpan a tela, un encaixe en formas onduladas sobre unha pel indeterminada, e polas formas suaves e rotundas da súa portadora que en ningún momento aparta os ollos dos nosos. Ben. Todo correcto. Non ten moita dúbida.

Pero o que me chama a atención do anuncio, e non que non aprecie o resto, miren que cousas, é a mestura de linguas. Estamos xa nunha fase evolutiva de totum revolutum ben curiosa e que asumimos coa naturalidade das cousas, seguramente, irreversibles. Se vostedes se fixan, super push up (ou sexa, empuxar para arriba moito) está en inglés. Intimissimi, é un nome italiano, que seica vende moito máis que se dixeramos “intimisimo; “lingerie” é, como saben, francés e significa, simplemente lencería. E por último, claro, o anuncio está en castelán. Ou sexa, catro linguas mesturadas con cadansúa connotación nun mesmo anuncio. Inglés, dominante, monosilábico, simplón, eficaz; italiano, divertido, natural, xuvenil; francés, sofisticado, e castelán, vehicular.

E claro, vou á páxina de internet de Intimíssimi (a verdade, para ver onde levaba a letra dobre, que dubidada se no ssi ou no mmi ou nas dúas e non tanto por ver as mozas), e segue a cousa. “Special price. Ahorra hasta el 33 %”. “Chatea con nuestros advisors”. “La exclusiva bag de regalo”. Arre demo. “To advise” é, simplemente, aconsellar, e advisor o que aconsella, e carafio para o de bag, bolsa en finolis; nunca o imaxinaría. Entendo, claro, que as coleccións leven o mesmo nome para que valla en calquera lugar onde opere a compañía, así, non me sorprenden que se chamen “On ince. Operapop”, “Silk collier”, etc. E seguen coa afirmación identitaria italiana a través de “Collezione autunno 2014”. Como fai, e perdoen que choute tan fóra da sensualidade e glamour, como fai a Fundició ductil Benito nas tampas dos sumidoiros, que afirma así, coa carencia dese n final, a súa catalanidade esencial.

E que será de nós? Que será do galego neste contexto mundial multilingüe? Vai ti ver. Creo que a nosa connotación de cara aos de fóra debe ser a enxebreza, a calidade, a natureza, o Camiño... e para dentro, pois moito máis, claro, simplemente o noso falar tradicional e normal. E nesas andamos algúns e abofé que cumpriamos máis.

Te puede interesar