Opinión

Tecnolatría, pantallofilia e ludismo

Saín da casa e topeime con ela. Alta, irta, ergueita, firme, podería dicir que maxestuosa e desafiante, pero sobre todo, temible incluso no seu silencio, na súa apatía momentánea. Tal que o mundo. E xurdiu en min unha treboada de ideas e imaxes, revolta e caótica. Necesito vacacións. Está claro. 

Viaxemos no tempo, a 1779. En Inglaterra, un obreiro, se cadra imaxinario pero con nome e todo, Ned Lud, nun ataque de furia desfixo un tear mecánico a golpes. De repente espallouse o exemplo e os “ludistas” arrasaron coas máquinas -teares e colleitadoras a vapor- e botábanlle a culpa da súa fame ás novas tecnoloxías. Resulta que as tecedeiras e teceláns non podían competir cos prezos dos produtos das novas máquinas, e os seituradores tampouco lle mantiñan o tipo ás máquinas que avanzaban, inexorables, no campo. Eles, sen entenderen nin veren o funcionamento da sociedade, acusaron ás máquinas de roubarlles o traballo. Atacaron o que vían: as máquinas. O movemento espallouse pola Europa industrial, (Francia, Alemaña, Bélxica, en España, en Alcoi e Barcelona) nas primeiras décadas do XIX. Pero, non fai falta que llo xure, foi derrotado. Daquela non se andaban con díxome-díxomes e entre 1811 e 1812 en Inglaterra aforcaron a trinta ou corenta ludistas. En fin, que todo está en como se use. A enerxía nuclear, por exemplo, é barata e limpa, pero mal usada é unha desgracia como ben saben por activa e pasiva en Hiorshima ou Chernobil. 

E creo que estamos vivindo nunha sociedade enferma de “tecnolatría”. Moitas persoas adoran a tecnoloxía como a un deus que nos conducirá á felicidade e comodidade universal. Así, as máximas preocupacións xiran ao redor dos ritos e prácticas da nova relixión. Hai que estar á última coa tecnoloxía, e ter o móbil, o televisor, o ordenador, o microondas, a cociña de indución, a lavadora, a secadora, o coche... sempre de ultimísima xeración, cargados e listos para o seu uso. As novas preocupacións non son de índole humanista -felicidade, xustiza...- senón puramente técnicas, fundamentalmente dúas: quedar sen batería, quedar sen cobertura. 

E unha das manifestacións máis extremas da tecnolatría é a pantallofilia. Non poder vivir sen mirar pantallas constantemente. Tanto ten que sexa o móbil, o ordenador, o caixeiro automático, o televisor, a tablet... De segurimos así, todos pitoñosos. É cousa aditiva, e hai xa moita xente que pasa máis horas mirando a esa luz plana que aos ollos doutras persoas. Vexan senón a cantidade de xente que anda pola rúa mirando para un aparelliño deses, ou a incomunicación das persoas na era das comunicacións das masas, cando a xente vai no tren ou no bus cos ollos fixos na pantalla e non fala co do lado. Así se entende que os titiriteiros que divirten nas pantallas, como Pablo Motos, gañe 39,64 veces, ou Cristiano Ronaldo, 400 veces, o soldo do presidente do Goberno. 

En fin, que o corpo me pide ser ludista pantállico: vén delas o control das mentes e persoas. E agora, incluso pola rúa, espréitannos inmensas pantallas luminosas que nos atraen como atraían aquela cintas amarelas ás moscas que se pegaban nos veráns. E agora, como os marcianos, están entre nós: nos bancos, nos comercios, nas esquinas dos edificios, incluso xa nos ascensores. A última, a inmensa pantalla situada na explanada da entrada ao Centro Comercial Ponte Vella. Pero nada se arranxaría con acantazala. Traballeira inútil como a do pobre Ned Lud co tear. O mundo xa é así. Glup.

Te puede interesar