That's all, folks? Hespaña vs España

That's all, folks? Hespaña vs España

Os debuxos animados de cando eramos pequenos acababan así, cun porquiño tatexo dicindo: “Isto é todo, amigos”. Pero despois do acontecido ao longo do día de onte en Cataluña, non me parece que se poida dicir “isto é todo”, sen máis. E parécemo porque os seres humanos somos mamíferos territoriais. E o berro máis mamífero de todos era, seica, o dos de Lalín nas festas: “Vivan os de Lalín con razón ou sen ela”. Por iso é previsible un enroque nas mesmas posturas por parte dos defensores da lei e dos da transgresión. E tampouco me parece que vaia acabar todo, porque nesta crise sabemos que despois do día 1, vén o 2 e logo o 3 e logo o 4... e así sucesivamente. E esta liña do tempo é imprescindible para poder endereitar as cousas con máis calma da de hoxe. E se pasou o día, non pasou a romaría, pois as voces dominantes nun territorio -reprimidas ou amplificadas- e a lexitimidade electoral ou política, son cousas distintas. Lexitimidade ten que ver con leis. E leis, no mundo democrático, son cousas pautadas, pactadas e obrigatorias. E os plebiscitos, ou sexa escoitar á plebe, é algo que ten unhas normas máis alá das que se poden facer cousas emotivas, transcendentes incluso, pero que non poden ter proxección lexislativa porque para iso están esas vías fixas e organizadas, nos réximes democráticos. 

Evidentemente sabemos todos que a cousa é complicada e non parece ir por bo camiño. Pero tamén é preciso tratar de repensar as cousas con elasticidade: ímonos ver as caras sempre dentro deste pequeno patio hispánico. En fin, lémbrolles que a palabra común España é neta da latina Hispania a través da forma hispanovisigoda Spaña. Por iso, moitos galeguistas históricos, entre eles Castelao, teimaban en escribir Hespaña, con hache, para reforzar a vinculación xeográfica do conxunto da península e tirarlle as connotacións centralistas da España dos tempos pasados. Porque españois, mellor con hache, hespañois, somos todos. Incluso o dixeron moitos portugueses ao longo dos tempos: Camoes -con antepasados de Nigrán-, por exemplo, dixo: “Falai de castelhanos e de portugueses, porque espanhóis somos todos”; e un dos maiores poetas lusitanos, Almeida Garret, aclarou: “Espanhóis somos e de espanhóis nos devemos apreciar quantos habitamos a península ibérica. Espanha e Portugal é tão absurdo como se disséssemos Espanha e Cataluña. A tal extremo nos trouxeram os que chamam língua espanhola ao castelhano e incorrem em outras aberrações pelo estilo”. 

Pero as palabras e os sentimentos evolucionan, claro. En fin, eu son descendente, por dicir algo, de galaico-romanos, ou sexa de hispano-romanos da Gallaecia, por iso son galaico, hespañol e latino, pero non ibérico, porque non teño antepasados íberos. Pero a verdade tanto me ten, estou disposto a non discutir a aceptar pulpo como animal de compañía e ser íbero, catalán ou portugués. En calquera caso, creo que a España lle convén para saír do impás, moita máis Hespaña. Incluso ata seducir a Portugal. Sabemos que por arriba se evaporan moitos poderes fronte a Europa, e por abaixo, tamén ante as comunidades e poderes locais; por iso, dous estados enmagrecidos, como o español e o portugués, deberían pensar en tecnicamente ir camiñando xuntos. Se hai voda mellor, pero antes hai que irse coñecendo. A mesma liga de fútbol, por exemplo. Os mesmos sistemas universitarios. En fin, e cos cataláns, ou con moitos cataláns, obviamente, hai que procurar arranxar as cousas. Lémbrome do lema dun ximnasio de Río de Janeiro: “Vencer sem destruír, dominar mas nao humilhar”. E lei, moita lei e moita flexibilidade. E cruzar os dedos. E beber cava, de cando en vez.