Opinión

Unha dúbida dos tempos

Nestes días de temas tan candentes -que arden cal candeas- como o pasado, presente e futuro do expresidente catalán fugado, preso e liberado nas Xermanias; como o pasado, presente e futuro da presidenta madrileña e os seus desacougos de titulacións e cousas universitarias trapalleiras; como o control e descontrol dos ríos de tinta fedorenta que produce o roce entre unha nora e unha sogra por unha miudeza como sacar unha foto todos xuntos ou a avoa soa coas netiñas e que aos dous días escenifican, deben facelo polo ben da familia e do país, unha reconciliación rosiña e acarameladiña de sorrisos e acenos de mel; nestes tempos avoltos como o viño ruín e picado, onde parece que por causa de Trump, de Putin, dos islamistas e quen se apunte, o mundo xira trenquelexando, co eixo medio derramado; pois, si, eu tamén teño determinadas tribulacións que me fan pensar. Hoxe falareilles dunha delas. 

Unha cuestión menor, seguramente, pero unha cuestión ao fin e ao cabo. O caso é que xoves fago 58 anos e hai cousas das que non estou seguro. E de algunha debería. Pois non se trata, por suposto, de formar unha opinión propia sobre algo como esas tres cuestións que lles acabo de citar, ou como podería facer con outros varios centos, pois desde que os medios de comunicación nos rouban o interese persoal nas nosas privacidades, nas nosas cotidianeidades e nos abafan permanentemente cunha enxurrada de noticias, sempre tráxicas, sempre transcendentes, adoito tratadas goebelianamente en interese de feos intereses, non lles son capaz, creo, de distinguir o grao da palla. Non sei cal é nivel de esaxeración, retoque, photoshop da realidade. Non sei se o Lula é un ladrón, un aproveitado ou moi boa xente a quen poderes ocultos tratan de demonizar. Se o Assaz e os rusos son bos ou malos en Siria. En fin. Non sei. Nin creo que se poida saber ben. A “miña” cuestión, sobre a que teño que decidir eu só, na que ninguén me pode aconsellar, ten que ver cun aspecto da miña traxectoria persoal ao longo dos últimos corenta anos. Explícome que xa vai sendo hora, por se alguén non desertou aínda aborrecido desta errabundia. 

Vaiamos alá. A cuestión é que cando me saíu barba, alá polos anos setenta do século pasado, empecei a usar maquinillas de dúas follas. Despois deixei barba e non volvín usar maquinilla por moitos anos. Logo, nugallau, dei en cortar a barba só cun rapador deses eléctricos; e logo, cando volvín á afeitarme de todo, hai poucas semanas, xa son cinco coitelas montadas sobre cabezais oscilantes. Pois ben, aquí xorde a dúbida. Cando é o momento adecuado para cambiar un cabezal por outro? Si. Cando chega o punto ese en debemos dicir que as coitelas “mancan” e non afeitan ben? Si. Teño dúbidas. Non me gustan as maquinillas de primeiro día como non me gusta estrear zapatos. Se estes mancan, aquelas cortan de máis e creo que non hai xa barriñas cicatrizantes, “Smoking” como as que usaba meu avó. En fin, non teño claro. Ás veces creo que si, que xa deben estar as follas gastadas, pero vénme o pensamento autocrítico, e penso se non amolecería abondo a barba con auga quente e escuma, e decido darlle outro día. Ao seguinte, parece que corta mellor. E así levo semanas. Como siga coa dúbida, non sei se acabarei coa cara esfolada. Que todo pode ser. E tampouco se afundiría o mundo, claro. 

Te puede interesar